Opinión

A xente sinxela é o modelo

Non busquedes modelos de persoas fora da xente sinxela, pode que haxa algún, pero poucos toparedes. A grande minoría que vive baixo tanto boato e poder, máis ten unha vida oculta que agocha moitas cousas negativas. Xeralmente non son modelo de nada bo, pois teñen un vivir farisaico e moi escuro. 

Hai un par de semanas Agromadas salientou co premio Freire Carril a unha persoa sinxela que viviu con suma coherencia a súa fe ademais de estar ó servizo dos seus veciños. Unha persoa chamada para ser algo máis ca un crego de parroquia do rural, pero que por avatares da vida aceptou un destino, a modo de reprimenda, sumamente humilde. E nel serviu ós demais e fíxoo con suma elegancia, sacrificio e honestidade; viviu co xusto, pero esa vida non foi nova nin tivo eco na prensa. Evidentemente refírome a don Miguel, o crego de Parada de Oureiro. Mais aínda que non o pareza hai moitas máis persoas anónimas que, coma el, viven servindo os demais na nosa sociedade.

Camiñamos por tempos moi confusos nos que os modelos de persoas que aparecen nos medios de comunicación e nas revistas especializadas ou da prensa rosa, resultan ser todos un fiasco, ou mellor dito unha gran trola. Inevitavelmente a memoria lembra a cantiga que escribiu Enrique Santos Discéplo, Cambalache, cantiga dos anos trinta do século pasado que sigue estando vixente na súa plenitude, dado que vivimos nun mundo onde parece que soamente se premia a riqueza e o éxito nos negocios a costa da ética, e o demais nada importa. Por iso ó falar destes comisionistas que amasan fortunas véñenme á memorias unhas verbas que dixo o Pujol, outro que tal baila: si se sega unha pola da ábore caeran as demais. A ameaza non tiña desperdicio, pois deixaba caer que, na sociedade actual, a merda e os chanchullos hainos en tódalas institucións e gobernantes. E nesas andamos. 

Os referentes que nos debuxaban como persoas e modelos a seguir, xentes que salvaron ó país de non sei que maledicencia, son temas maiormente cheos de falsas historias que nos venden para entreternos. Monarcas corruptos e traficantes que pasan por boas e respectables persoas. E nesta menestra de persoas louvadas están moitos dos delincuentes, falsarios, estafadores, mentireiros e ladróns.

Hoxe non hai referentes nin modelos. Xa non hai ética nin vergoña. A peste abrangue dende a titulitis universitaria falsa, doutores honoris causa e as máis altas dignidades do Estado. Todo son mentiras e corruptelas.

Uns defraudan, outros son comisionistas, outros ladróns e por riba puteros. E no medio desta lea está a pulcritude de moitos medios de comunicación empregando eufemismos como: “La íntima amiga de...” no canto de decir a querida do Borbón. Isto traéme á memoria un conto: Pepiño, un veciño coma ti é coma min, bebeu de máis e dicían “está borracho como unha cuba”. Mais si era unha autoridade ou un deses da alta alcurnia a frase é outra: “El señor está un poco mareado”.

Canta mentira, canto fariseísmo temos que aturar e manter diante tanto patriota. E diante tal panorama a quen temos que tomar como referente? Que persoas son as que nos poden valer de modelo na vida? Pois queda claro: son aquelas que nos serven e axudan a levar día a día unha vida normal. Por iso afirmo que, en cada aldea, vila e mesmo na cidade sempre hai espellos, persoas que podemos tomar como referencia na ética, na forma de vivir, na coherencia, no comportamento cos demais, etc. Pero todos eses que nos venden e nos meten polos ollos como grandes servidores de patrias e asuntos diversos, maiormente son falsas imaxes, falsas persoas. Mellor dito, imaxes adulteradas que viven agochando as súas vergoñas, Polo que queda clariño: a xente sinxela é o modelo que debemos seguir.

Te puede interesar