Opinión

Amaños electorais

Cando aínda resoan os estrondos das bombas e os tiros do acontecido en París, e cando estamos un tanto ateridos e tristes polo salvaxe atentado do terrorismo e tratamos de pasar páxina, pero non de esquecer, nin de facer unha seria autocrítica pola maneira contraditoria de actuar dos gobernos das democracias occidentais no mundo árabe, miro cara a miña terra e outeo o panorama electoral cara o 20 de decembro. E se digo a verdade case non sei que facer, pois percibo tres opcións para votar e seguir camiñando dentro do meu desencanto case permanente.

A primeira é a de non votar e absterme. Ou sexa pasar. A segunda é votar a un partido co mando na capital do reino, que é tanto como dicir de dirección madrileña ou máis alá do Padornelo. E a terceira é votar en clave galega e seguir na procura de que esta terra teña representación de seu nas Cortes futuras. 

Debo afirmar que era dos que pensaba que podería haber un acordo dunha candidatura galega de unidade. Non foi así. As cabezonadas dos que se sinten agraviados e non saben retirarse a tempo; os odios e facturas atrasadas sen pagar, e o posicionamento errado sobre a cuestión galega dos que din ter o patrimonio do nacionalismo, poden ser a chave para entender esta cuestión.

Pero vivimos no país das leiriñas mentais, das utopías e dos que están contra case todo, e o asunto, vai pra largo. Vivimos no pais dos que berraban na rúa que querían unha democracia participativa e que, segundo eles, representaban á democracia real. E para tal menester facían, e fixeron, a pantomima dunhas eleccións primarias na cidade que logo anularon. Agora volveron facelas de novo cos postos pactados dende os partidos que participan na chamada Marea. Vamos, amaños electorais que tratan ó conxunto da cidadanía como se fose parva por crer nun proceso deste tipo. 

A chamada esquerda vive sumida nun concepto difuso e confuso sen saber que é realmente. Uns din que son antisistema: e veremos que sistema ofertan. Outros que son independentistas, e outros internacionalistas, etc. E mentres, todos sumidos en tal disquisición non son capaces de ofertar algo serio á cidadanía galega. E esta ó non ver case nada crible segue anclada no mesmo de sempre e vota, case repetidamente, algo semellante en todos os procesos.

E no medio deste panorama desconcertante, está a nosa terra. Si, cada día máis desprotexida e machacada polas decisións que dende o poder central e a Xunta nos van levando cara a non existencia como nacionalidade e a cronificación dos graves problemas que temos. Polo tanto, carecemos de futuro como sociedade. Imos a remolque e de costas camiñando cara a nada. Camiñamos cara un deserto poboacional que é comido polas silveiras e a seguir condenados á emigración.

En fin, cando o desasosego e o desánimo cala nunha sociedade é porque non hai líderes nin estruturas políticas que conecten coa súa realidade e oferten solucións cribles ós seus problemas. E o acontecido en Galicia é o exemplo máis palmario.

Con todo, e diante a situacións actual, seguro que ate o día 20 de decembro cargarei pilas e participarei tratando que o meu voto non emigre como o fan milleiros de mozos desta terra que buscan futuro alén das súas fronteiras.

Te puede interesar