Anxo Quintana

A entrevista que recentemente lle fixo Telemiño a Anxo Quintana, ademais de deixar moitas cousas claras, veu a amosar dúas cuestións que considero sumamente importantes. A primeira é a distancia que existe ás veces entre a militancia dun grupo político e a realidade social á que pretende servir. Dito doutra maneira, entre o que pensa unha persoa máis ou menos politizada e ideoloxizada e o que acontece e percibe a sociedade común que, ó fin e o cabo, é a que sofre os problemas do día a día. As persoas militantes, na maioría dos casos, pésalle máis a paixón ideolóxica que a frialdade da análise social que debera facer. Por iso cando tocas a realidade social para gobernala o choque é demoledor. A segunda refírese a distinguir entre os que se chaman dirixentes e a distancia que existe do que son os líderes políticos.

Pois ben, Quin, ademais de deixar moi claras moitas cousas que aconteceron nos catro anos nos que estivo de vicepresidente da Xunta, e a pesares das presións e ataques persoais que aturou nunha campaña moi enmerdada dirixida exclusivamente contra a súa persoa, deixou unha clara visión das eivas que ten o nacionalismo galego a día de hoxe. Nacionalismo que el quixo modificar topándose co primeiro dos atrancos: ter unha parte da militancia do momento en contra, pois tiñan na cachola unha Galicia idealizada, e polo tanto irrealizable, e por iso foi fustigado non so pola oposición externa. 

O segundo punto que deixou claro foi desbotar o falso dilema de esquerda-dereita que segue moi vixente nunha parte da sociedade galega. O problema de Galicia, dixo, non está na división entre esquerda e dereita, está na capacidade política de poder desenvolvernos como país sen trabas e tendo poder económico propio. Conflitos entre empresas e traballadores existen, pero non son o principal problema do pais neste momento.

O principal problema é que todas foron e son trabas para poder producir e tamén a escasa capacidade que temos para a autocrítica e reformulación política que nos leve a deixar de ser un nacionalismo de resistencia para ser opción de goberno que abranga sectores sociais que hoxe non son proclives.

En fin, a conversa con este líder político, hoxe no mundo da empresa, debera facernos reflexionar a todos. Pero sobre todo ós militantes das formacións exclusivamente galegas. Pois non foron as verbas dun dirixente, non, foron as dun líder que foi apartado dunha maneira irreflexiva pola radicalidade ideolóxica do momento, para agora ter unha realidade política nada prometedora nesta terra.