Opinión

Árbores secas

Pois si, pasou o día 5 de xuño adicado ó medio ambiente. E falamos de conservar os ríos; de tratar mellor á natureza; de decatarnos de que soamente somos usufructuarios dela e de que temos que deixarlla ós nosos herdeiros nas mellores condicións posibles. Falamos e falamos sobre o tema, pero realmente todos facemos pouco. Todas son verbas faltas de contido; todas son boas intencións, pero falamos máis para a galería que outra cousa. O dito de que o falar non ten cancelas é ben certo. E nese senso véñenme á memoria pequenas cuestións que están a esperar dende hai tempo.

A primeira radica na protección dos ríos que temos moi perto. Refírome sobor de todo ó Barbaña pois, nesta canle natural, seguen aparecendo os vertidos periodicamente, e ninguén se inmuta. Que se son de eiquí; que se veñen doutro sitio; que se a depuradora, bla,bla bla. As súas marxes están cheas de maleza e non se respecta o paso para camiñar pola beira río arriba. Polo que a lei de augas non se cumpre. E para iso temos unha delegación da Confederación Hidrográfica? Supoño que está de ornamento.

Xa máis preto, na cidade, nos poucos parques e alamedas que temos existen cantidade de árbores secas que non se repoñen. O outro día na Alameda, na parte de arriba (Bispo Cesáreo), contei máis de catorce plenamente secas e non deste ano. Levan anos esperando reposición. E que fai o Concello?: ren. Todas son boas intencións pero nada muda. Todas son fotos para a prensa; todas son declaracións para a galería. Hai uns días, camiñando polo entorno da Molinera decateime de que apenas hai trescentos metros para enlazar esa parte coa Praza de Abastos e humanizar a zona. Igualmente acontece na zona do Parque Barbaña para unir esta pola marxe esquerda e chegar ó Pavillón dos Remedios. Pero o noso concelleiro e o alcalde, tan dados as declaracións de autolouvanza, nin se enteran, pois non pisan nin coñecen estes lugares.

Outra cuestión que leva anos e está á vista de todos, é o regato de augas podres que baixa por Vistafermosa e morre no río. Todos os ourensáns que camiñan a diario polas beiras do Miño percíbenno co cheiro e coa vista. Anos e anos vertendo augas fecais ó río, e ninguén se inmuta.

E así poderíamos seguir enumerando puntos negros que nos avergoñan, pero ós que ningunha institución lle pon remedio. Alguén con moita razón dixo: somos o país das leis que non se cumpren.

E mentres seguimos falando de protección do medio natural. E énchesemos a boca de boas palabras. En fin, os anos pasan e nada facemos por trocar en positivo as cousas. Polo tanto outro ano máis e todo segue igual ou peor.

Pero seguimos dándolle o pico. O caso é falar e laretar.

Te puede interesar