Arredor das festas do Nadal

Arredor das festas do Nadal

Un recente artigo sobre as orixes do Nadal, festa relixiosa con reminiscencias paganas, relaciona esta data co solsticio de inverno e non co nacemento de Xesús. Tal afirmación tróuxome á memoria lembranzas da nenez e cousas que nos contaban naquela escola do rural triste, autoritaria e adoctrinante. No artigo en cuestión dise, resumindo, que a devandita festa ten unha vinculación cos ciclos do sol, estrela que nos da vida, e que foi Constantino, o emperador romano do ano 306 ó 337 do noso tempo, quen decidiu, supoño que despois de escoitar ós seus asesores na materia político científica, refundir a gran festa pagana do solsticio de inverno que se celebraba en Roma coa data na que se supoñía nacera Xesús. E así darlle corpo á relixión que el asumía como a oficial no imperio.

O certo é que despois de ler o artigo lembreime de moitas cousas que de neno lle escoitaba o maestro e o cura que nos viña a adoutrinar unha vez á semana. Dicia o crego: “Los paganos adoran al sol... por eso tenemos que rezar por ellos para que se salven”. Eran aqueles tempos onde a discrepancia, incluso relixiosa, estaba calada por decreto e nós, raparigos, asumíamos todo aquelo que se nos contaba como dogma de fe. Eran os tempos da mitificación que se facía do nacemento do fillo de Deus como salvador do mundo. E, arredor daquela mitificación, celebrabamos un Nadal relixioso en familia e tamén como parroquia. Nadal no que non había case nada máis ca unha cea un tanto especial, cunhas lambetadas que non pasaban das uvas pasas, dos figos, algún turrrón e algunha copiña de xerez para os maiores. Logo, o rematar, a cantar os reis acompañado de vellos instrumentos de corda pulsada. E o 25 íamos a adorar o neno no nacemento que previamente se fixera. Despois, a esperar que viñeran os reis e deixaran algún xoguetiño no corredor da casa. Ese era o Nadal da nenez e adolescencia no que ninguén se atrevía a dicir nada que contradixera o que dende o púlpito se repetía. Pois aquela era unha festa totalmente relixiosa. 

Co paso dos anos, as cousas foron trocando e aquel Nadal foi evolucionando ate converterse no que é a día de hoxe, unha festa máis comercial e consumista na que perdeuse parte do fondo relixioso. Pois ben, agora que empeza a aceptarse a teoría, case política, da negociación e conxunción de mundos antagónicos, lembro o sincretismo que significou cristianizar os lugares de devoción e culto do mundo castrexo onde se asentan hoxe cantidade de igrexas. E iso tráeme á memoria que as festas e as datas non son o problema, se non como se aplican as formas para convencer e facer crer á xente. Pois hoxe as festas do Nadal son basicamente unhas festas nas que seguen a confluir a relixiosidade, o consumismo e o lecer. Pero tamén son datas que chaman á paz e a concordia entre xentes e pobos. Datas nas que todos, a pesares do que cremos e da ideoloxía que profesamos, desexámonos paz e ventura. 

Conclusión: a sociedade romana daquel tempo, e os seus gobernantes, souberon recoller de maneira ecléctica a fusión entre o relixioso e o pagano, e asi evolucionou ate os nosos días fuxindo do radicalismo relixioso que hai noutros lugares do mundo. Supoño que en moitos conflitos políticos e relixiosos actuais debera acontecer algo semellante para buscar a solución menos mala que una e non separe, que xunte e non arrede. Pois o mundo fíxose asi. E aínda que a data na que veu ó mundo o fillo de Deus non sexa a que se profesa, o máis importante é que infunde unha mensaxe de paz e non violencia nin sectarismo que é o que hoxe se precisa.

Feliz Nadal para todos.