Opinión

Cando a anormalidade é a norma

Cando a anormalidade se converte en rutina e é aceptada co silencio pola maioría das forzas vivas e dos cidadáns desta Auria, que se pode esperar dunha institución como o Concello? Que se pode planificar para o futuro da cidade? Pois, tristemente, ren. Nada de nada.

Ourense, mellor dito, o noso concello, vive, dende a chegada da democracia, e xa choveu, ó mandato máis estraño e negativo que poidamos lembrar. Pois imos camiño de catro anos e nada hai que presentar. Mellor dito, o goberno do Concello, nada ten que mostrarlle ós ourensáns pola súa xestión.

Nada hai en perspectiva e nada esperamos. Cecais o único que desexamos é que pase axiña o ano que queda e mirar se, con sorte, se albiscan tempos mellores e que as urnas dean á luz unha corporación que, fora de tanta verborrea e enconamento, busque acordos nos grandes temas que temos pendentes en Ourense.

Hai uns días, celebrouse o centenario da Ponte Nova, obra que mellorou as comunicacións co concello de Canedo e, anos despois da súa posta en marcha, axudou á anexión polo concello das Burgas, dando lugar ao Ourense de hoxe. E por aquelo de destacar a efeméride e pórlle unha nota con certo cor musical, tivo que vir darlle lustre a Banda de Música de Celanova, pois a de Ourense non existe, está desfeita. Pero resulta que tamén hai uns días, a concelleira do ramo di que o Festival de Cine, por culpa de non sei que, non poderá ser. E como se a cousa fora de pouca importancia, resulta que dende hai tres anos estamos sen presupostos. E a esta anormalidade tamén hai que sumarlle que tamén estamos sen Plan Xeral de Ordenación, e poderíamos seguir enumerando carencias e servizos públicos en precario e logo rematar co deterioro que se percibe en todo o que abrangue á responsabilidade municipal.

Lonxe quedan os anos nos que señor Bermello, por non poder ter uns presupostos, presentou a dimisión como alcalde. E agora que van tres anos non dimite o principal responsable. Mais como somos a cidade termal por excelencia e ligamos o progreso ó turismo e o termalismo, temos os xardíns e parques nun abandono total. E pregunto que dirán a xente que visita esta cidade? Pero, ademais do dito, resulta que o servizo de limpeza, sobor de todo nas zonas do rural, onde tamén se paga por el, pois funciona dunha maneira moi precaria. Teñen que os veciños andar a limpar parte do camiños principais e incluso o camiño de Santiago ó seu paso polo concello. E así poderíamos seguir e seguir. 

No sei se con darse autobombo, chorar e dar pena se pode arranxar algo. Penso que non. Pero escoitar os voceiros do goberno xa resulta reiterativo e penoso, dado que axiña percibimos que, cando falan, nin eles cren o que din. E diante unha situación tan anormal, onde están as forzas vivas do concello? Onde están as federacións de veciños e as asociacións profesionais? Están agochadas e mortas por un silencio que os delata? Están a velas vir? O silencio e a crítica de bar estanos a converter nunha sociedade morta e sen futuro. Empezamos pola provincia, por onde esas aldeas e pobos nos que agora hai moitos xogos para os rapaces e aparatos para facer estiramentos dos maiores, agonizan no silencio. Non hai nin rapaces e moi poucos maiores. E chegamos a cidade, que é a que ten que tirar e ser exemplo para as vilas da provincia, e resulta que é unha urbe parasitada onde mal goberna un equipo dirixido por un alcalde conformista que dá por perdidos catro anos do seu mandato.

En fin, cando a anormalidade é unha norma aceptada, ben polo silencio cómplice ou porque se dá por perdida a confianza en mellorar a sociedade na que vives, pódese dicir que estamos todos perdendo o norte e aceptando mansamente que camiñamos cara a nada como concello e como provincia. De pena.

Te puede interesar