Opinión

Os canódromos son a prioridade

Percibo a sociedade ourensá un tanto adormitada. Véxoa ausente, ou tal vez mellor, aterida de frío. Xa non protesta. As asociacións de veciños están desaparecidas. E os que noutrora pedían o soterramento da Estación do AVE están caladiños. O mellor é que vexo mal e resulta que a xente está moi satisfeita pola forma de gobernar. Ourense non ten problemas. Todo funciona á perfección e non hai reivindicacións importantes nin asuntos de fondura que arranxar.

Temos, polo tanto, un concello feliz e un alcalde moi satisfeito. Pois o AVE virá algún día, claro pola vía vella. A estación seguirá a ser algo semellante a un galpón grande; os problemas de contaminación do Barbaña non existen nin se rematan os paseos á beira do río; a Praza de Abastos da Ponte, sen utilizar; a conexión e servizo de viaxeiros para os polígonos industriais e outros lugares próximos tampouco teñen presa. As rotondas para o tanatorio das Burgas e Seixalbo, xa veremos. E así un longo etc. 

E como todo está perfecto, pois non temos PXOM nin presupostos anuais, mais todos somos felices. Os nosos representantes políticos, despois de moito traballar e de intensas reunións, aproban unha medida que seica tiña moita présa. Unha medida que parece ser vital para a cidade, pois desta maneira xa podemos quitar os cans a mexar e a xogar en 16 canódromos novos que van existir. Loado sexa. Xa poden ir de vacacións todos pois traballaron arreo e por unha vez ou dúas houbo un acordo total. Que fermosura, que ledicia: temos un concello o que lle preocupa máis a felicidade dos canciños que os problemas reais dos cidadáns.

Parece pois que na cidade das Burgas todos andamos un pouco na inopia, gobernantes e gobernados vivimos nun mundo feliz. Uns xustifícanse facendo que fan, e outros de deixalos que fagan o que queiran. En fin, que os grandes problemas non existen e que eses arranxaranse soliños sen facer ren, pois ate pode ser. Pero no fondo esta realidade amosa que somos unha cidade vida a menos; unha cidade morta e sen pulso. Somos, tamén, unha provincia que non conta para nada nin na Xunta e menos a nivel de Estado. 

Pero somos felices. Polo tanto, como supoño que en Seixalbo haberá tamén un canódromo, vou mercar un cadeliño para exteriorizar a miña felicidade e darlle uso ó futuro parque para os cans. Non vaia ser que, por non usalo, terminen pechándoo. Claro, cando o fagan, pois non hai data. Namentres, nós seguimos esperando polas glorietas para acceder a vila e o tanatorio. Xa sei que iso non ten presa. Son máis importantes os canódromos, pois teñen prioridade, aínda que non haxa presupostos anuais nin PXOM. De pena, sr. alcalde.

Te puede interesar