Opinión

Capela madrigalista no San Martiño

coral
 

Vivimos no tempo das presas onde todo camiña a moita velocidade. Vivimos na época das actualizacións permanentes para poder entender algo do que acontece ó noso redor. Non temos sosego nin pra distinguir o barullo dos sons que gorentan os nosos ouvidos. Case nos asemellamos ás máquinas e, medio programados, estamos a perder a sensibilidade para distinguir a beleza do que é un produto chocalleiro e comercial que soamente nos convida o consumo acrítico. Por iso, cando algo sonoro de boa calidade chega ate nós, xurde a satisfacción e a ledicia de pasar un intre fermoso. Un intre que se repite poucas veces, dado que en poucas ocasións acontece. 

Esta foi a sensación que moitos percibimos ó escoitar o concerto de San Martiño na Catedral de Ourense. Concerto que protagonizou Capela Madrigalista. Música de calidade interpretada por ourensáns que poucas veces podemos escoitar e que nos leva á reflexión e eleva o noso espírito, para rematar disfrutándoa no lugar apropiado.

Posiblemente esteamos diante un cambio de tendencia, ou no comenzo da recuperación dun espazo cultural que en Ourense nunca debeu de estar esquecido, como o da Catedral de San Martiño. Tamén nun cambio de entender a festa do padroeiro da cidade. Ate de agora o San Martiño maiormente estaba, e aínda segue, relacionado exclusivamente coa festa do Magosto e todo o que dela se deriva. Cantos populares e tradicionais e logo moita troula. E faltaba que nesa festa, ademais do sinalado, pois manter a tradición é necesario, tamén houbera un espazo para a música culta e as persoas que desfrutan dela.

O concerto sinalado, aínda que só foi de música denominada sacra, programa un tanto cuestionable, pois nos lugares de culto tamén se poden facer incursións na música que non sexa estritamente relixiosa e tamén da nosa terra, permitiu escoitar pezas de diversos autores todas moi ben interpretadas o que axudou a dimensionar a cita do padroeiro da cidade dado que ate de agora limítase exclusivamente a un acto oficial, unha misa e asar as castañas. 

Con todo, na catedral soaron, e moi ben, voces ourensás que interpretaron pezas que ían dende a música gregoriana ate compositores dos séculos XVI e ate o XX, pechando o concerto cunha “Ave María” do propio director da Capela e o “Cantique Opus 11” de Gabriel Fouré. Concluíndo, foi un concerto fermoso no que a sensibilidade musical aflorou e, durante unha hora, permitiu ós oíntes fuxir do mundanal barullo, para situarnos nun espazo de beleza e tranquilidade musical que contrasta coa dinámica das presas e da vida pouco sosegada na que vivimos hoxe. 

Noraboa aos organizadores, director e membros de Capela Madrigalista, polo seu bo facer nos case trinta anos de existencia que este grupo ourensán ten.

Te puede interesar