Opinión

Catro imaxes

Asemana pasada deixounos catro imaxes para a reflexión. Podían ser máis, pero as catro reflicten un pouco a esta España, terra chea de contradicións, onde a casuística e a valoración das persoas e feitos ten diferentes varas de medir. Hai cousas ilegais que se saben pero non se condenan. E onde hai cousas e feitos que, por seren realizados por amigos ou persoas populares, tenden a ser esquecidos ou perdoados como se non aconteceran.

A primeira imaxe tróuxoa a morte de Cayetana de Alba, unha aristócrata dona dun montón de títulos nobiliarios e dunha gran fortuna en terras e pazos polos que case non pagaba impostos, pois estaban acollidos a exencións fiscais por seren patrimonio artístico. Tivo o seu pasamento un gran impacto na sociedade andaluza. Por tal motivo, foi soterrada no medio dun fervor popular que amosa que era moi querida, alomenos en Sevilla. As crónicas do evento din que foi unha muller moi liberal que viviu a súa maneira, pero outros din que nada fixo positivo, máis que disfrutar do herdado, polo que nada aportou a sociedade.

Outra imaxe déunola a folclórica da copla española Isabel Pantoja, que tivo que ingresar na cadea condenada polo delito de branqueo de cartos que lle daba o seu amor Julián Muñoz. Velaí dúas mulleres populares, unha por ser rica de berce e outra por airear con salero cancións do folclore oficial do Estado, que a pesares do que leven colgado ás súas costas son populares nesta España cañí.

A terceira imaxe está relacionada con Carmen Martínez, de 85 anos, privada da vivenda da súa propiedade por unha débeda de 40.000 euros convertida en 70.000. Neste senso, non houbo humanidade e impúxose a lei do máis forte, ou se se quere, a do diñeiro. E de non ser pola acollida duns familiares e o compromiso do equipo do Rayo Vallecano, a muller acabaría nun hospicio ou tirada na rúa.

E a cuarta imaxe que me chamou a atención anda moi preto de nós. Esta relacionada co que se falaba nos grupos reducidos de amigos, e que aguantou o que aguantou sen saír á luz. Catro anos case de silencio do xerente Emilio Pascual, quen estivo levando as contas dos populares dende 1983 ate 2010, que ó verse acusado directamente, tira da manta. E di ante a xuiza: “Si había contabilidad B” ou “outros si que se enriqueceron”; claro, outra cousa será desmostralo, pois a palabra dada, ás veces, non precisa de documentos dado que funciona polo principio de lealdade.

Velaí catro imaxes para unha semana de outono. Catro que amosan que unha sociedade como a nosa valora de distinta maneira. Catro imaxes que debuxan o aprecio a unha persoa popular, unha aristócrata que foi popular pois nunca perdeu o vínculo que a unía á xente de súa cidade. A segundo amosa a cara amarga dunha muller popular que, por amoríos e ambición, acaba na cadea condenada polo delito de branqueo dos cartos que lle pasaba o seu amor. A terceira amosa a deshumanización da nosa sociedade, que soamente se move polo amor ó vil metal. E que deixa tirados sempre ós máis débiles. E, a cuarta, amosa, en certa medida, a distancia que existe entre a realidade, o demostrable e a legalidade; entre o que non amosan os documentos, pero sábese que existe e que funciona por canles distintas ás normais.

En fin, temos unha sociedade complexa e diversa, onde todo anda moi revolto; onde se fan moitas trampas e ilegalidades, polo que resulta fondamente contraditoria.

Te puede interesar