Cen anos ó servizo dos fregueses

Cen anos ó servizo dos fregueses

Un dito sentencia: quen descoñece o seu pasado difícilmente pode entender o presente e melloralo.

Neste mes de marzo cúmprense cen anos da posta en marcha do reloxo da Igrexa de Seixalbo. O crego, párroco daquela de San Breixo, don Luciano Evaristo Vaamonde (1912-1918), xunto con 191 veciños da antiga Vila e Couto, decidiron mercar un reloxo e unha campá para poñer na torre da reconstruída e reformada igrexa de San Breixo, a cal carea a finais do século XIX. Pretendían saber a hora en que vivían ainda que fora noite, chovera ou houbese néboa. Querían así mellorar a súa calidade de vida. Compre subliñar que daquela, salvando o de Ourense, poucos concellos da provincia tiñan casa propia e menos un reloxo para darlle as horas ós seus habitantes. Mais nesta vila, os veciños, ó igual que o fixeran cen anos antes na loita para eliminar os foros que machacaban a súa feble economía, uníanse para mellorar. E sabedores de que os concellos andaban moi escasos de cartos para investir, recurrían a aportación económica, pois era a única forma de mellorar e situarse na modernidade. E ter un reloxo público era o obxectivo daquel momento. Así, aportando moi diversas cantidades, segundo a súa economía particular, foron quen de mercar un na casa Hijos de Ignacio Murúa, que servira e montara, anos atrás, o da Catedral de Ourense.

O reloxo, de 400 kilos de peso, tivo un coste toal de 2.030 pesetas. A continuación mercaron unha campá que custou 1.200, ademais de asumir a veciñanza o custo de pagarlle anualmente unha cantidade a un veciño para darlle corda cada oito días e facerlle o mantemento da maquinaria, pois as institucións públicas era alleas a estes asuntos.

O reloxo en cuestión aguantou ben ate a década dos setenta. A partires desa data, Antonio Rivo asumiu o traballo de axustalo e de facerlle o mantemento sen cobrar nada por tal tarefa. Logo, anos adiante o reloxo foi electrificado, incluíndo tamén todos os toques propios das celebracións da igrexa polo mesmo Antonio Rivo e Jose Manuel Álvarez e, actualmente, sigue a funcionar dando as horas con repetición e as medias con toda normalidade.

Esta podería ser a síntese dunha historia que aconteceu nun lugar onde, ate a década dos sesenta do século pasado, todas as melloras colectivas que se acadaron chegaron da man da axuda económica e o traballo dos propios veciños mediante prestación persoal. E agora, a Asociación Cultural Agromadas e a Asociación de Veciños San Breixo decidiron lembrar esta data colocando unha placa no atrio da igrexa e, ó rematar o acto, cun concerto onde se significará a esas dúas persoas. 

En fin, coñecer o pasado implica entender mellor o noso presente. E se este se lle transmite ás xeracións máis novas, estas entenderán que non todas as melloras sociais caeron do ceo, senon que foron acadadas co traballo e o esforzo colectivo en base a unidade veciñal. 

Nos tempos en que vivimos, o reloxo público non é tan preciso como hai cen anos. Daquela case era vital para a vida diaria. Mais o fondo da historia ben merece unha lembranza como exemplo de aspiración á modernidade deste núcleo rural e tamén como unha homenaxe ós nosos bisavós, avós e pais que traballaron sempre coa teima e o obxectivo de ter un Seixalbo mellor.