Opinión

O ceo tómase por asalto

Será polos anos que levo ás costas, ou polas experiencias vividas, que a irrupción de Podemos no escenario político como forza que nace erixíndose por riba do ben e do mal e que ven dar leccións de democracia, ponme en garda e anímame a velos con certa esperanza, pero tamén con moita cautela. O populismo que naceu por mor do cabreo social e pola forma nefasta de gobernar nesta crise que cargou sobre os máis débiles os custes da mesma, aínda que foi apoiado por unha maioría social nas urnas e meréceme todos os respectos, penso que foi o mellor caldo para que xurdira esta formación política que aínda, por moito que digan os seus dirixentes, non acadou a maioría de idade para ser alternativa de poder.

Como en todas as democracias, cando un grupo político aparece no xogo electoral, entendo que o primeiro que ten que facer é unha análise real da crise; tamén do contexto no que vivimos, da diversidade do pais no que aspira a gobernar, dos problemas que detecta, e despois do diagnóstico lanzar programas realistas para solucionar as carencias. Ademais, tamén debe indicarnos que tipo de sociedade quere e que modelo social pretende.

Podemos apareceu na escena política cunha verborrea na que mete a todos no saco da corrupción; na que iguala a todos no eido dos defectos, para argumentar propostas soltas que, aínda que moitas son interesantes, resultan pouco ou nada cribles, pois unha cousa é predicar e outra é gobernar a un pais diverso e metido nun contexto xeográfico e político determinado. Contexto que obriga a cumprir acordos asumidos e compromisos internacionais entre estados.

Pero o que máis me chama a atención é a dialéctica que emprega. Entra en grandes contradicións: primeiro, son antipartidos, e logo organízanse como un partido. Segundo, dan por feito que hai que escoitar á xente, como se o 70% dos votantes non falaran libremente cando votan; terceiro, incluso os partidos que trouxeron grandes melloras sociais no Estado pertencen á casta. Supoño que á casta pertencen persoas, pero non o completo dos partidos. E por último, eríxense como salvadores da renovación do pais cunha democracia pouco menos que asamblearia que se expresa na frase manida: poder popular.

A sociedade é algo dinámico no que nacen e emerxen novas formacións políticas, pero esixe tamén coherencia nos actos e propostas. E por iso ve difícil de entender a renuncia a participar nunhas municipais con nome propio deste novo movemento. Sempre entendín que os partidos que traballan pola sociedade participan en todos os campos posibles para chegar a marcar a súa dinámica nas institucións que aspiran a gobernar. No referido a Galicia, moi pouco sa sabe do que pensan, se acaso algunha declaración esporádica de intención dalgún dirixente.

En fin, que son moitas as aclaracións que fora do populismo dialéctico e moi oportunista que practica Podemos, esta nova formación lle ten que dar a esta sociedade. Pois como cidadáns necesitamos coñecer propostas serias e cribles, ao marxe de rematar coa corrupción, cuestión na que todos estamos de acordo. A nosa sociedade necesita saber cara que modelo político camiña, que propostas territoriais ten para o Estado, que modelo económico propugna, de onde sairán os cartos para pagar todo o que propoñen estes señores, etc.

O de tomar “o ceo por asalto” sona a masas levadas por un líder espiritual que promete o paraíso. E que como din no meu pobo: falar, fala moi ben, pero xa veremos cara onde nos leva. 

Despois do éxito electoral nas europeas, chegaron os dos círculos (na linguaxe partidaria, comités) para salvar o país. Pois con todos os defectos e contradicións, loado sexa, pois pode ser o catalizador que obrigue as demais formacións a mover ficha. Pero sempre atentos, pois ás veces con tanta frase, pouco menos que bíblica, na que se confunde chegar o poder con acadar o ceo, poden aparecer grandes sorpresas e confusións. En fin, que ás veces non todo é o que parece.

Te puede interesar