Opinión

Unha cidade sen cultura

Os seres humanos, a través das relacións e do tempo, crearon as sociedades; e dentro das mesmas, baixo o pretexto de aspirar a unha vida mellor, as cidades foron o lugar de convivencia que deu paso ó nacemento de normas e a canalización de inquedanzas de todo tipo que axudaron a mellorar as relacións entre todos e trouxeron a evolución da humanidade. Dende este punto de vista as cidades foron, e son, o lugar onde se fragua o camiño da sociedade. Partindo desta premisa, no mundo actual ninguén con un pouco de tino pode entender que nunha cidade de máis de cen mil habitantes como Ourense non existan unha serie de institucións e infraestruturas públicas para realizar actividades culturais, todas necesarias para os seus habitantes e para a promoción e o bo nome da mesma.

Acaso alguén entendería que esta nosa Auria non tivera un Auditorio, un teatro, unha biblioteca pública; non conservara o patrimonio histórico artístico, non tivera asociacións culturais, ou varios museos; tamén un Conservatorio de Música, unha banda de música e unha ou varias salas expositivas públicas? Non. Fago este relatorio pois todo o citado ten un custo económico importante, dado que non funciona co obxectivo de gañar cartos se non de dar un servizo para o conxunto da poboación que nela habita e así colocar a cidade no lugar que lle corresponde. Estes servizos mantéñense a cargo do erario, pois cumpren unha función como elementos básicos para darlle saída ás ambicións artísticas, intelectuais e creativas do ser humano.

A peregrina idea de que se gastan moitos cartos no mantemento daquela ou de outra cuestión cultural é unha visión moi paupérrima e única de quen a propón. Por iso, o plantexamento de que a Banda de Música do noso Concello é moi cara e por iso hai que desfacerse dela, paréceme un tanto errado e fora de lugar. Ao igual que dicir que os músicos son uns vagos, e que para os actos protocolarios do Concello unha charanga ou contratar outra formación musical sairía máis barato. Pobre argumento, e pena por quen entende que a sociedade soamente funciona por criterios mercantís, ou simplemente quere dar a nota coa súa incontinencia verbal e desa maneira xerar polémica. Pobre argumento para quen non ve máis ala da súa pequena sombra.

Hoxe, cando os concellos pequenos animan e subvencionan asociacións culturais, artísticas e musicais, na cidade das Burgas alguén propón suprimir a subvención a unha entidade musical representativa da terceira cidade de Galicia que posúe unha gran calidade artística. E faino por ter unha visión distorsionada da sociedade, pois pensa, como lle escoitei; “Quien quiera espectáculos y divertirse que los pague”. Debería este señor mirar o seu arredor e ver que, por exemplo nas bandas de música da Coruña e Santiago, os músicos da mesmas son funcionarios, e que en Ourense non o son, polo que os custos son moito máis caros que na nosa cidade. Pero claro, na Coruña teñen o orgullo de ter unha banda sinfónica e no reparan no pecunio. Teñen unha visión cultural moito máis ampla ca que temos eiquí.

Ourense, as súas xentes e as súas institucións non merecen este trato tan banal. Temos historia e pasado que non se pode desprezar tan á lixeira. Acaso alguén pode maxinar que sería da sociedade se, de súpeto borráramos a nosa historia e tentáramos desfacernos das nosas herdanzas culturais e eliminásemos todos os servizos públicos polo mero feito de non ser rendibles, de que non xeran plusvalías?

Poñer o acento neste caso sobre a carestía da Banda Municipal de Ourense, esquecendo o seu pasado de 117 anos, e obviando que ademais de ser unha formación cun nivel musical moi alto é un símbolo da cidade é un grave erro. Vivir obsesionado buscando notoriedade denunciando todo sen presentar alternativas serias e responsables sobre os grandes problemas que ten o noso concello é unha mostra da carencia de proxecto, de charlatanería barata, que indica desprezo polo noso e suma debilidade política. E así, para dar a nota, fanse estas propostas sen sentido.

As cidades necesitan ter todas as institucións para que os seus cidadáns poidan satisfacer tamén as necesidades artísticas, culturais e representativas. Se carecen deses espazos serían un ermo onde todos estaríamos moito máis empobrecidos e posiblemente seríamos máis incultos e brutos.

Te puede interesar