Opinión

Cinismo, mentira e apariencia

Varios foron os acontecementos que nestes días viñeron a demostrar que os nosos gobernantes, que non son máis que reflexo dunha gran parte da sociedade, viven instalados no cinismo permanente, tamén na mentira máis ou menos piadosa e, sobor de todo, en aparentar aquelo que en cada momento necesitan. A conciencia e a ética para estes persoeiros é como unha esponxa, que estira ou encolle segundo a comenencia, dicíame hai anos un compañeiro de traballo.
O certo é que, nesta España de pandeireta e castañolas, seguen vivos os vicios herdados dos tempos nos que presumir de ter amizades e títulos daban moito caché e abrían portas pra pedir favores e ter prebendas varias. Vivimos nun tempo onde a apariencia ten moito peso, e tivo que lembralos a serie televisiva “Fariña”, na que un home serio con pinta de bonachón que seica era o presidente da Xunta, tamén sabía moito da financiación escura do seu partido. Nas imaxes falaba e louvaba ós contrabandistas que logo foron narcos recoñecidos e condenados.

 Anos atrás, a Quintana, o vicepresidente do bipartito, pouco menos que o fusilan por unha foto cun potentado empresario da terra. E o da reunión de marras sabíao moita xente e moitos medios, e todos calaron mirando pra outro lado. Por iso, despois de ver “Fariña” lembro as verbas dunha parente que daquela (anos 80) era mestra en Cambados. Dicía que nun acto dos “populares”, na primeira fila estaban sentados todos os contrabandistas da ría de Arousa. E tiña moita razón.
Algo semellante, aínda que noutra materia, nestes días pásalle a Cristina Cifuentes, a que seica loitaba contra a corrupción, incluso a do seu partido. A este señora regaláronlle un master sen pisar a universidade e sen examinarse. Pero ela, cun cinismo que arrepía, mentía diante dos medios para xustificar o que non parece ter xustificación. Claro que poucos días lle quedan de presidenta. Con todo o acontecido, ós nosos gobernantes parece que pouco lles importa esnaquizar o nome das institucións como a universidade con tal de saír inmunes e salvar o seu pelexo. Ter moitos títulos para acceder a postos mellor remunerados pode ser o obxectivo final que perseguía a presidenta da comunidade madrileña. Mais o colmo do despelote e do cinismo chegou vendo as imaxes da convención dos “populares” en Sevilla, aplaudindo e dándolle apoio a unha señora que minte máis que fala, pero que esquece que é un cargo público que debía ser modelo de ética diante os gobernados.

En fin, a dereita que se sinte dona do poder ten un cúmulo de despropósitos e corruptelas que soamente se superará cando pasen un período de tempo no purgatorio arredados do poder. Pero o triste é que estes comportamentos teñen pouco castigo electoral. E non dá chegado o tempo de baixalos do goberno. Por iso, despois de moitos anos de democracia, seguimos aparecendo á vista de toda Europa como un estado corrupto onde a mentira, o cinismo e a apariencia campan as súas anchas. Xa sei que, para a grande maioría dos nosos gobernantes e un importante sector da poboación, a conciencia e a ética política son como a esponxa que estira e encolle segundo o momento e a necesidade política. Por iso somos, a pesares de que nos manque a moitos, o faime rir da UE.

Te puede interesar