Opinión

En clave de autonómicas

Admito que teño certa saudade polos resultados electorais en Galicia, pois resúltanme un chisco agridoces. Pero o mundo segue camiñando e chegou o momento de mirar para o futuro. Logo de escoitar a voz dos electores refrexada en votos, sen reproches nin o reclamo de facturas atrasadas, chegou o momento de falar para acadar un mañá que lle dea esperanza ós galegos e a solución ós problemas endémicos desta terra. Chegou o momento de atisbar un futuro que non pase unicamente polo goberno dos de sempre. Si, dos que repiten machaconamente que imos a mellor, cando estamos esmorecendo. Dos que din que hai ir tirando que é tanto como aceptar mansamente un conto que nunca remata.

Galegos somos todos os que habitamos nesta terra e aspiramos a un futuro mellor. Pero os galegos temos unha personalidade e uns problemas -algúns semellantes ó resto do conxunto dos cidadáns da península, e outros moi diferentes- que resaltan a nosa persoalidade e teñen a súa especificidade concreta. Dende ise punto de vista tamén temos que entender a heteroxeneidade da composición do mapa social galego. Por eso esta terra camiñará e avanzará se nel se implica o mundo do chamado progresismo, aínda que non acepte na súa totalidade as teses nacionalistas. E ise sector está basicamente nas cidades e nas vilas.

O mundo rural é amplo pero non é decisivo no número de votos para cambiar as tendencias sociais. Polo tanto, nacionalismo e progresismo teñen que camiñar da mán xuntos para crear algo ilusionante que lle permita a esta sociedade gañar metas sociais, ampliar o seu marco competencial e o autogoberno, gañar cotas de poder político e económico, defender a súa cultura sen sectarismos nin apropiacións partidarias do que é patrimonio de todos, e gañar un futuro mellor para as novas xeneracións. Pero, para iso hai que facer algunhas concesións. A primeira é arredar ós sectores minoritarios que falan de independentismo, desvincular o nacionalismo do sindicalismo. Cada organización ten o seu rol, e ás veces neste mundo tan complexo, non son coincidentes. Falar menos de soberanía e autodeterminación utópica é baixar á política práctica que é moito máis efectiva ca vivir no mundo das ilusións sen visos de futuro, sendo sempre resistencia.

Pero ademais do anterior tamén, é necesario que vellos líderes lle deixen paso a novas xeneracións que non viviron o tardofranquismo nin a transición á democracia. Necesita esta terra aire novo, e esquecemento das leas habidas que lastran os acordos e o futuro.

Galicia falou e deixou atrás un ciclo e unha forma de ver a política. Somos un país diverso e moi interesante. Falemos, unamos forzas naquelo que nos é común para rachar co meigallo de que sempre andamos rifando ou discutindo polas leiriñas de poder, e acadar o poder nas autonómicas. E seguro que teremos un futuro mellor. Do contrario, vivir un nacionalismo de resistencia é tanto como impedir a evolución do mundo.
 

Te puede interesar