Opinión

Comportamentos distintos

Avida que levamos, sobre todo nas urbes, obriga a andar e circular a unha velocidade de vértigo. Camiñamos sempre con presa, andamos co tempo xusto e ate nos comprometemos en diferentes asuntos cronometrando os minutos. Esta é a forma de vivir á que nos levou o chan do progreso. O mundo competitivo, sen control nin un modelo que nos permita camiñar pola vida con certo sosego, instaurouse no noso corpo. Todo, ou case todo, nas nosas vidas está supeditado ó reloxo e as obrigas desta maneira de vivir un tanto aloucada.

Con todo, actualmente estase abrindo un debate sobre a maneira de circular e camiñar polas nosas cidades e vilas. Por iso, cando falamos de tráfico nas cidades e incluso fora delas, posiblemente teremos que decatarnos de que, nesta lea, estamos implicados peóns, condutores e administracións, pero sen esquecer que moitos cidadáns nalgún momento somos condutores e outras veces peóns e temos comportamentos distintos, claro, en función de se levamos o coche ou camiñamos.

Polo tanto, entrando máis de cheo no asunto, e admitindo que na cidade a Policía Local, non sei se por ser escasa ou por que non lle gusta estar na rúa, ten moi pouca presencia. E non está e case non se espera cando se precisa, sobre todo nos barrios. Polo tanto necesitamos que dende o Concello se faga unha campaña dirixida ós condutores e ós peóns para devolver ás rúas unha seguridade vial que empeza a ser escasa. E dende logo non só por culpa dos condutores, senon tamén dos peóns, e tamén pola escasa posta en marcha de normas de conduta que nos obriguen a todos e máis presencia de axentes nas rúas. Pero ademais do reseñado, tamén compre que as administracións da Xunta e do Concello se deixen de pelotear e botarse a culpa, pois o de sancionar os peóns por cruzar as rúas da periferia, onde a consellería do ramo non deixa poñer pasos de cebra, pois é a que manda na estrada, obriga ós cidadáns a infrinxir as normas e cruzar a vía. Por exemplo, no caso de Seixalbo OU-105, para acceder ó Tanatorio, á panadería do Cumial, ás fincas, ás súas vivendas e, o que é máis sangrante, para coller o autobús urbano. E todo baixo a ameaza da sanción da Garda Civil de Tráfico.

En fin, o ritmo de vida actual é un tanto aloucado. E vai sendo hora de que, entre todos, coas administracións por diante, lle busquemos solucións ós problemas de seguridade vial que afectan fundamentalmente ós máis débiles, que son os peóns. Dito queda.

Te puede interesar