Opinión

Crise humanitaria

Milleiros de persoas fuxen da miseria, da  fame e da inseguridade vital. Son seres humanos que aspiran a unha vida máis digna.  Camiñan días e días en condicións infrahumanas pasando fronteiras para mellorar a súa existencia. Moitos morren no camiño ou afogados no mar, e os que chegan  son tratados e explotados como animais por outros que aprovenitandose do momento roubanos e chantaxéanos sen pudor nin pena algunha.

Os países europeos englobados no mundo occidendal foron quen de crear no último século un desenvolvemento social e económico  que, ós ollos desa xente, resulta ser a meta soñada para vivir.

Máis, á vista de moitos gobernos e moitos  cidadáns, os emigrantes non son máis que delicuentes dos que hai que coidarse moito. Esas son as verbas do presidente dos EEUU. Paradoxas da vida. O país americano que se fixo con emigrantes europeos, que machacou as tribus aborixes ou  que as meteu   en reservas,  agora pon muros,  arames e concertinas para selar a súa fronteira.

E o pior desta historia é que non se acepta que o mundo fíxose ó traverso das migracións. Pero hoxe ningún goberno quere ver que o que está a acontecer  no mundo é unha severa crise migratoria e humanitaria. Unha crise que se ve agravada pola chamada globalización da economía, que  deixou  de lado e esqueceu totalmente  a globalizacións mínima dos dereitos sociais.

América Latina e Africa desángranse pola emigración. E mentres, o país máis poderoso do planeta  impón a sua forza poñendo concertinas e esquecendo a súa curta historia.

Todos sabemos que é dificil solucionar o proceso migratorio; que para elo hai que trocar a política  existente cos países que a sofren, hai que afrontar o problema dende un punto de vista distinto ó estrictamente de peche de fronteiras e da forza represiva. De seguir así, non haberá maneira de parar a emigración cando sexan milleiros e milleiros as persoas que peten nas fronteiras.

Europa, en menos medida, tamén sigue xorda diante o problema da migración africana. Soamente interesa ese continente para sacar as materias primas e logo deixalo ó pairo de ditadores, gobernos autocráticos ou teocrácias onde o poder relixioso e político se mestura para frear o avance das sociedades. E así negóciase con gobernos que non respectan os direreitos humanos e menos dotan os países dos mínimos servizos sociais e sanitarios. O problema da emigración non soamente é un problema de fronteiras. É moito máis fondo e severo. E pasa por que o mundo desenvolto, mire a ises países doutra maneira e esixa nos seus convenios económicos que os gobernos invirtan en temas de infraestructuras  educativas e sanitarias, ademais de respectar os direitos humanos. Pois se a xente non ten uns mínimos para vivir dignamente, a crise humanitaria e como consecuencia a emigración seguirá medrando e non haberá xeito de pórlle remedio.

Te puede interesar