Opinión

Desnortados

Chegou a primavera e todo apunta a que o 2 de abril, Feijoo sinalará a folla de ruta do que fará sobre a Xunta e se hai adianto electoral, que pode ser. Nesta terra, milleiros de persoas que non temos claro que faremos se hai eleccións e menos se se convocan conxuntas coas do Estado, meditamos e analizamos o panorama político actual. Pero o asunto está tan rariño e a sensación é que todos camiñamos un tanto desnortados e sen saber que facer, pois nin a nivel de Estado se aclaran as cousas nin tampouco a nivel galego, polo que ollamos o futuro un tanto escépticos.

Agora, cando parecía que se encetaba un tempo novo con outros actores, pois soio queda Rajoy da vella garda e parece que non por moitos anos, na nosa terra aínda non chegou o tempo da mudanza. E polo tanto, atísvase un futurro sumamente gris e escuro. E non fago tal afirmación soamente baseada nos problemas que temos como sociedade que veñen de moito atrás, senon porque non percibo no panorama partidario nin líderes, nin ofertas que engaiolen a xente e insuflen ilusión a unha sociedade en franca retirada, ou se o prefiren, resignada a seguir esmorecendo. Vexamos: nos partidos de dirección estatal non hai presa en definir nin oferta nin candidatos para San Caetano. Cando digan na corte madrileña que os elixan, poranse ó asunto e o programa resumirase en catro ou cinco puntos xenéricos. Sempre foi así, dado que todos confían que teñen unha clientela bastante fixa ó seren franquicias consolidadas.

Moito máis complexo está o eido nacionalista. Neste, despois de moitas leas e encontros e desencontros, aínda non se fixo unha transición política, polo que en moitos casos están sen superar os tics dos vellos líderes que viven ancorados nos tempos de cando eran oposición ó franquismo. Non houbo rexeneración de persoas, e cando houbo a oportunidade de consolidar ós que tiñan os pes non chan, cortáronlle a herba e pra casa. Xa sei que isto dá política da moitas voltas, e un lembra cando lle dicían a Fraga que se retirara pois tiña moitos anos. E xa vedes, aínda hoxe hai quen fala de que Beiras sexa o candidato a Presidencia da Xunta pola chamada Marea. Cousas veredes.

Por iso, nesta nosa terra, de non ser por un miragre, poucas novidades se esperan. Menos mal que na terra da chispa naceron varios salvadores. Si, naceron os que van rexenerar a vida política local e galega e estrénanse para as autonómicas como a salvación. Vamos, chegou un de salvapatrias e quere dar o salto para exportar a súa macarrónica visión da democracia ó Parlamento de San Caetano. E o outro, o que herdou o poder, segue vivindo dos réditos dun tempo que xa non existe. E mentres, a casa sen barrer, ou a gamela á deriva. Deus nos colla confesados, ou se o prefiren: se isto é o cambio esperado, que veña o demo e o leve.

E como todo anda un tanto aloucado, dende o galeguismo sensato e non o de ficción ou de invento, como o que proclaman algúns en campaña electoral e logo esquecen, traballemos para crear unha estrutura cun ou varios líderes para dentro duns anos, e así poder devolverlle a esta terra un tempo esperanzador. Pero, de momento, toca esperar e pensar moito o voto e, chegado o momento, exercelo; dado que somos moitos os que andamos un tanto desnortados e non atopamos a día de hoxe unha oferta electoral que nos engaiole.
 

Te puede interesar