Opinión

Dous anos sen banda de música

A Banda Municipal de Ourense lembrounos o venres pasado, tocando na entrada do concello á hora do pleno, que están a piques de cumprirse dous anos dende que o goberno do sr. Vázquez rescindiu o convenio que tiña con ela facendo efectiva unha desafinada e inoportuna moción que, ignorando a traxectoria e historia centenaria desta agrupación e falando só do aspecto económico, presentou o grupo DO. Grupo que pedía abrir un concurso publico para cubrir este servizo cultural e protocolario do noso concello.

Pois ben, pasado un tempo, resultou que a única oferta que se presentou para optar a este concurso foi a mencionada banda. Mais o argumento que esgrimiu o concello para non adxudicar e pechar o expediente, segundo din os medios locais, foi que os músicos non acreditaban suficiente experiencia e outras deficiencias menores. Polo que o asunto segue en espera e o concello sen banda de música.

Como a situación non deixa de ser un tanto anormal, caben varias preguntas que, para moitos ourensás, merecerían unha resposta ou aclaración polo menos por parte da concelleira do ramo. Resulta difícil entender que, cando unha agrupación musical cunha calidade demostrada como a da actual banda, e na que o oitenta por cen músicos teñen o grao medio e superior obtido nos conservatorios, aínda que algún careza desa titulación pero teña a do bo traballo realizado na mesma, se lle pida demostrar a súa “suficiente experiencia”. Como se a titulación maioritaria que teñen e a demostración de como tocan non fora suficiente aval.

O asunto de deixar deserto o concurso lévame a facerme varias preguntas. A primeira e se o técnico que informa e a concelleira do ramo sabe o que é o grao de profesor de música coa especialidade nun determinado instrumento. A resposta é que o grao medio equivale a calquera titulación universitaria, semellante a dun técnico; e no plan do 1966 eran seis anos de estudio e, ademais do instrumento, un fato de materias que van dende historia da musica, harmonía, linguaxe musical, formas musicais, improvisación e transporte, etc. E o superior, no mesmo plan, son entre oito e dez anos, equivalendo ó titulo dun licenciado, e así é recoñecido economicamente pola Consellería de Educación. Logo non sei que máis se pode pedir. Acaso non sabemos que na Banda de ;úsica ate non hai moitos anos a maioría dos músicos carecían de titulación algunha e compartían outros traballos coa faceta musical? Ignorar o pasado ás veces leva a cometer erros.

Todo o acontecido ven demostrar a escasa valoración e iniciativa cultural que ten pola música, polos seus profesionais e incluso pola calidade e dignidade dunha representación dun concello a concelleira do ramo. Cando concellos semellantes ó noso teñen bandas propias da institución, pensemos en Santiago, A Coruña e outros, en Ourense andamos a velas vir. E cando concellos moito máis pequenos teñen orgullo de ter banda de música, pensemos Ribadavia, Celanova, todo indica que na cidade das Burgas algo se está a facer mal, moi mal por parte de quen goberna.

En fin, o tema supoño que seguirá dando máis voltas, ate que teña un punto final. Mais os acordes dunha marcha solemne á porta do concello trouxéronme á memoria á falla de sensibilidade que ás veces impera nas institucións e o pouco amor polo pasado dunha agrupación centenaria na cidade e da que debéramos estar todos orgullosos pois nunca, musicalmente falando, estivo mellor. Xa sei que, para os actos institucionais, hai concelleiros que aceptarían os sons dunha charanga, pois o custe sería máis barato. Conclusión: Ourense sempre será sitio distinto, e sempre ira pola vida desafinando. De pena.

Te puede interesar