Opinión

Dous galegos senlleiros

Nestes últimos días, dous galegos ilustres e senlleiros pasaron a seren historia. Dous homes con facetas distintas que levaron dentro de si a alma desta terra. Dous seres humanos extraordinarios que coa súa traxectoria vital deixan pegada. Deixan unha gran obra para que reflexionemos no medio dunha sociedade que camiña á unha velocidade de vértigo e onde pouco hai permanente e si moito efímero e cambiante. Unha sociedade líquida na que, ás veces, o termo modernidade confúndese con progreso e con humanización, cuestión cando menos discutible e enganosa.


Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces, 1928) coa publicación das “Memorias dun neno labrego”, fíxonos revivir, alomenos ós que nacemos e nos criamos no rural, cantidade de historias que existían ó noso arredor e que non eran recollidas en ningún xornal, pois non tiñan rango de noticia. Puxo no mapa a realidade dos que non eran e tampouco aspiraban a ser algo na vida, pois soamente pretendían sobrevivir. Si, ir tirando no medio dun tempo escuro, clasista e cargado de humillacións de todo tipo para os que non eran señoritos. E, xa de mozos, cando limos as andanzas de Balbino, decatámonos e descubrimos que dentro daquela aparente normalidade da posguerra, a xente do rural éra menosprezada fronte a da vila ou mellor a da urbe. E así, no seu libro vimos reflectidas verbas que ate aquel intre non aparecían nos cadernos ós que tíñamos acceso. Pero na inmensa obra de Neira Vilas non somentes queda refrexada á infancia dos nenos do rural. Non. Tamén hai espazo para saber moito da emigración de milleiros de galegos que cruzaron o Atlántico, que foron grandes emprendedores, que deixaron marca de país alén da súa terra.

O outro baluarte, que tamén nos deixou nestes días, foi Xosé Chao Rego (Vilalba 1932) crego e teólogo que tentou, con máis de trinta obras publicadas, e unha xeira moi grande de artigos que amosaban achegar e modernizar a Igrexa ós crentes galegos. O traballo de Chao Rego neste eido foi inmenso. Fundador e principal animador das revistas de pensamento cristián Encrucillada e Irimia, dende as que tratou de revertir a situación dunha Igrexa aliada do poder político e da ditadura franquista, que maiormente vivía de costas á realidade galega. Pretendía unha Igrexa que mantivera vivas as herdanzas dos noso ancestros, que se modernizara, bebendo nas nosas raíces e que a partires do idioma amosara unha maneira distinta de ver e de entender a fe e a mensaxe de Cristo.


Dous galegos deixáronnos nestes días pasados. Dous homes que marcan un tempo. Un, puxo en solfa nos libros o que acontecía nunha realidade que todos coñecían pero que unha parte da sociedade e o poder político intencionadamente menosprezaban e marxinaban. Foi a voz dos que non eran ninguén, pero que loitaban por ser e existir con dignidade e ademais tiñan aspiracións e soños na vida.


E outro, exercendo o ministerio de Cristo na terra, traballou por achegar a relixión cristiá que aparecía como santificadora e aliada dun poder político que nos ignoraba e aínda nos ignora como pobo; que se amosaba como castigadora, controladora e represora de costumes e modos de vida herdados, e defendía un visión da vida que menosprezaba o idioma desta terra.

Te puede interesar