Opinión

Dúas andainas culturais á Limia

Sempre é necesario coñecer o pasado para entender o presente. Se se perden as referencias de onde vimos, dificilmente atinaremos a intuír cara onde camiñamos como persoas e como colectivo humano. Isto que parece unha simpleza acontece en moitas familias, onde os pais parece que teñen reparo en contarlle ós fillos a situación que eles viviron, a súa historia vital, os avatares que sufriron e incluso falar da súa ascendencia. Como se tal asunto fora motivo dunha desgracia que hai que agochar. Vamos, unha vergoña. Grave erro, pois desa maneira, os mais novos nunca valorarán o que teñen, pois son descoñecedores de onde partiron e dificilmente atinaran o camiño no devagar pola vida.

Pois ben, organizado pola Asociación Cultural Agromadas e guiados polo amigo e gran coñecedor da comarca limiá Xosé Santos Otero, fixemos o domingo pasado unha visita o que se pode chamar a Limia central, pois o noso interese era coñecer algo máis desa área xeográfica que temos tan perto.

Un ano antes fóramos á visitar o Mosteiro de Trandeiras, onde recibimos cumprida información do mesmo, da súa arquitectura e estilo e tamén percibimos a situación de desleixo que hai en parte del. Logo visitamos a Torre da Pena e un menhir que se salvou do arrase dos vestixios do pasado que se perderon despois da seca da lagoa de Antela feita no ano 1958. E, desta vez, completamos a visita nas lagoas que xurdiron da extracción de area, onde vimos a súa flora e fauna, e tamén a extracción que aínda hoxe fan as areeiras esquilmado un lugar de importante valor natural e incluso ecolóxico.

Logo, no museo da Limia, en Vilar de Santos, tomou forza un pasado recente que parecía volver a latexar ó ver os trebellos alí expostos. Testemuñas que nos falan da forma de vida de antano. Pois eles avivaban a nosa memoria. Pero o máis importante de todo foi, sen lugar a dúbidas, a foto panorámica de como era a gran lagoa de Antela agora desecada e as pontes que se derrubaron coas maquinas de cadeas. E nese momento comprobamos que o que nos contaba o noso guía Santos, gran amante da natureza, coincidía en todo co que xa nos contara antano na primeira visita. E viña a demostrar que a seca da lagoa non resultou ser tan boa como pensaban os que pariran tal proxecto no franquismo. Non, pois a día de hoxe poucas terras están laboradas e rematouse cunha fonte de riqueza que dificilmente se volverá recuperar.

Despois, visitamos a impresionante e forte Carballa da Rocha, sita nun val frondoso onde os carballos, vidos, amieiros, pradairos, salgueiros, sabugueiros e demais especies inzan unha terras chairas ricas para o agro e a gandeiría. Para rematar, despois de xantar, fixemos a visita obrigada o alto onde está a ermida de San Bieito da Uceira, dende onde se divisa unha panorámica impresionante da comarca limiá.

Logo, despois dun refrixerio, volver a Seixalbo, punto de partida. E así rematou unha andaina cultural pola Limia, na que a imaxe do que foi a lagoa de Antela hai sesenta anos quedou presa na nosa retina. E lembrounos o refrán que di: pra saber e coñecer hai que andar ou ler.

Te puede interesar