Opinión

Era visto!

A eterna loita na chamada esquerda, entre os que non queren renunciar á ter personalidade e voz propia no Congreso e os estatalistas e teórico-comunistas que falan dunha formación única, deixando a Galicia nunha mera franquicia política, visualízase con toda claridade nas liortas dialécticas de En Marea. Máis alá do éxito acadado nas eleccións, todos sabiamos que máis cedo que tarde a cousa tiña que saltar, e que o discurso e debate para ser ou non ser faría tensar e moito as costuras do que naceu como un amaño unicamente electoral.

E que vai a acontecer agora? Pois como somos o pais do minifundio ideolóxico caben dúas posibilidades. A saber: a primeira é que En Marea rache definitivamente e uns busquen acordos co BNG e outros, supoño que os menos, se inclúan en CXG. E a segunda é que, por aquelo de manter as formas externas, as partes enfrontadas sigan aturándose daquela maneira, ou sexa, por pura comenencia electoral.

O certo é que volven repetirse historias semellantes como as que aconteceron hai case catro anos en Ourense. Para elixir o candidato á alcaldía da cidade houbo unhas normas que remataron cun proceso electoral aberto onde todos os cidadáns que quixeran podían participar. Mais, como os resultados non deron o froito esperado, pois, amparándose no voto dunha persoa que era doutro partido, anulouse o que reflectira aquela consulta, perdendo moita forza e credibilidade diante a cidadanía. 

Deste xeito camiña a política pola banda do chamada esquerda. E faino dando tumbos e sumíndose en debates eternos que soamente desprestixian a participación e minan a unha forza que tivo un importante éxito electoral, pero que, de seguro, non o volverá a repetir. E se non, ollemos o acontecido en Andalucía onde a suma teórica de forzas políticas restou.

En fin, volvendo o asunto inicial, agora que que polo sur do Estado ameazan nubes de treboada; agora que asoman a patiña os herdeiros de don Pelayo, pois falan de “reconquista”; agora, non sería mala idea que no noroeste os soñadores de utópicos paraísos igualitarios souberan unirse no básico, pois ate pode ser que haxa que defender a autonomía diante a extrema dereita negacionista do réxime descentralizado e da democracia.

En fin, como se fose o programa de humor e retranca “Era visto!”, parece que os experimentos nacidos do cabreo e o improviso e que se basan nun excesivo asamblearismo teñen pouco futuro. vO espectáculo que nestes días anda a dar a forza política mentada non é nada edificante. Esperemos acontecementos.

Te puede interesar