Estamos en tempo morto

Estamos en tempo morto

Pasado agosto, o mes máis estival do ano, e tamén o debate de investidura, entramos politicamente falando nun tempo de espera: entramos en tempo morto, pois polo menos ate o 25 de setembro, no que falarán os galegos e vascos, e todo o referido á investidura, quedará publicamente paralizado. 

A chegada á area política de novas forzas e a división dos votos que ate o momento se repartían os que conformaban o bipartidismo, non foi entendida como un tempo novo pola dereita conservadora que, amparándose no “mantra” de que son os que acadaron máis votos e gañaron nas últimas eleccións, tratan de enlamar o terreo de xogo coa cantinela de que os deixen gobernar sen ter que mollarse nin tocar as reformas negativas para o corpo social que, co pretexto da crise, aprobaron nos últimos catro anos.

Se nas primeiras eleccións a soberbia e o infantilismo de Podemos, froito da súa ambición de querer acadar utópicas metas, puxo pegas e impediu a chegada do sr. Sánchez á Moncloa e con elo a modificación dos puntos máis conflitivos da reforma laboral, parar a lei de Educación e forzar a rexeneración da dereita, as segundas eleccións puxeron as cousas moito peor e agora estamos onde estamos. 

Con todo o acontecido, e despois das dúas votacións perdidas polo sr. Rajoy, as cousas toman unha nova dimensión e no taboleiro político entran en xogo factores novos. O primeiro é que Rajoy, aínda que pouco, empeza a cuestionarse. E se cae Mariano, a remodelación na dereita sería imparable. A segunda é que Sánchez pídelle responsabilidade as forzas que optan por un cambio político alternativo ós populares. Pídelle flexibilidade para tentar buscar un acordo de mínimos que tería que contar cos cataláns e vascos, cuestión sumamente difícil no caso dos primeiros, pois o asunto do referendo dificilmente pode ser parado coa promesa dunha modificación constitucional que recolla parte das reivindicación nacionais de Catalunya.

En fin, entre estas e outras cousas, están as eleccións galegas e vascas onde os populares poden saír tocados se non acadan a maioría absoluta no Horreo e non son precisos para gobernar en Euskadi. Cuestión difícil a que teñen, pero que pode acontecer. O candidato Feijoo en Galicia nada ten que ofertar despois de oito anos en San Caetano. A súa presidencia nestes oito anos pasou con máis pena que gloria nunha Xunta que camiña errada e sen resolver ningún problema dos importantes que ten a nosa terra, dado que os lumes seguen igual que antano; a emigración dos mozos é un feito por non teren traballo; a desertización humana do rural, unha triste realidade, e así moitas cousas máis.

Polo tanto estamos nun tempo morto. Estamos nun tempo de espera ate ver o que aconteza o 25, dado que podería axudar a desfacer o asunto da interinidade dun presidente que, aínda en funcións, segue a facer das súas. Segue facendo falcatruadas, pois ou non entende á sociedade ou quere facernos parvos a todos. Segue dando un exemplo de pouco interese en rexenerar a vida política dun partido enlamado na corrupción. Segue tentado de nos convencer de que a decisión de propoñer ó exministro Soria para un cargo importante no Banco Mundial foi un concurso de funcionarios do que el nada sabía. En fin, todo indica que tenta non deixar no paro a ningún ex do seu goberno. Cada día que pasa a súa credibilidade e a dos seus amosa unha gran carencia de ética política. E así estamos señores: estamos en tempo morto ate o 25 do mes que andamos, e logo xa veremos que acontece.