Opinión

Estes rapaces...

A todos nos aconteceu que na nosa mocidade tíñamos tanta ilusión e forza que, cretinos de nós, pensabamos que íamos comer o mundo, que todos os problemas arranxábanse con decisións máis ou menos drásticas e que os que nos gobernaban, ademais de corruptos e persoas de dubidosa honorabilidade, estaban manexados por escuros intereses. E en moitos casos tíñamos moita razón. Con todo, esquecíamos que a sociedade era sumamente complexa tanto a nivel interno como mundial. 

E digo todo isto, pois hai uns días nun faladoiro un participante, militante dun grupo político destes que naceron con adxectivo de seren os que viñeron a rexenerar a nosa vida, marchou ao rematar laiándose do mal que trataban ó seu líder, pois non lle gustaba que alguén dos presentes comentara que os novos referentes da política parecían uns rapaces voluntariosos pero un tanto inxenuos diante os grandes asuntos que hoxe ten o Estado.

E iso que parece unha evidencia choca coa evolución do líder de Podemos. O señor Iglesias, ó asinar un acordo co PSOE para os Presupostos do Estado, está aceptando entrar no xogo da política realista e deixando de lado o termo que falaba de “casta” e de que “non nos representan”. Sabedor de que en política e nunha sociedade plural como a nosa, ten que deixar a utopía ideolóxica para achegarse ós problemas da sociedade real.

Este posicionamento choca frontalmente co dos líderes de Ciudadanos e do PP, que, sendo novos, evolucionan cara o signo contrario. Así, diante os grandes retos que ten a sociedade de hoxe, son incapaces de artellar unha alternativa que fuxa da oposición bronca que practican. Pois aspiran chegar ó poder soamente coa denuncia permanente, escudándose en medias verdades pra manter un discurso rancio que nada positivo aporta socialmente. E iso é un mal camiño que non permite achegarse ós asuntos que preocupan os cidadáns.

Outro exemplo: Ciudadanos gañou as eleccións en Catalunya, pero a día de hoxe aínda non foi capaz de presentar un programa político con propostas para ser alternativa de poder nesa parte do Estado, dado que soamente fala de aplicar o artigo 155. Algo semellante acontécelle ós “populares”, que amparándose nun nacionalismo español que rememora fitos históricos de dubidosa veracidade, como a conquista de América, segue repetindo o mantra de que España é a nación máis vella de Europa, cuestión totalmente falsa, e pretende encher así a carencia dun programa alternativo ó goberno actual. 

É posible que, dada a situación política, os presupostos de Sánchez non salgan adiante. Veremos. Pero moito van ter que argumentar para ir contra a suba do salario mínimo e outras cuestión que van no documento económico. O que si está claro é que a dereita, fronte a esas contas, soamente fala de recortes e recortes, sen darlle un respiro a maioría da xente, ós cidadáns da rúa, que son os que realmente manteñen en pé o Estado.

En fin, que moitas veces a xuventude que chega ó poder partidario con aires anovadores resulta ser un fiasco. Igual co tertuliano que se marchou cabreado porque criticaron o líder do seu partido.

Te puede interesar