Eu son un xenio!

Se en Galicia elexiramos a un presidente semellante ó actual dos Estados Unidos, seguro que en todos os medios públicos, especialmente os estatais, estarían falando de que os galegos somos dunha maneira determinada; de que temos uns atavismos e taras sen superar; de que somos un lugar atrasado que vive na inopia; de que somos conservadores e medio parvos ou de que non distinguimos o cú das témporas. O caso é que no estado que se di modelo e que pensa que o mundo xira o seu redor, elexiron, segundo as súas propias verbas, a un xenio. Un crack que lle contou unha milonga ós americanos e que moitos milleiros deles creron e, polo tanto, votárono.

E isto lévame a pensar que, cando hai unha campaña electoral, ademais de cartos e axudas dos medios de información, hai que contar moitas mentiras e medias verdades para chegar ó poder. E sobor de todo, facer promesas, moitas promesas. Pois a gran maioría dos votantes somente se encandila con promesas que logo non serán realidade, pois están sometidas a moitos condicionantes. E para exemplo temos o goberno de Rajoy que dí unha cousa e fai outra distinta. No teatro electoral non teñen cabida as racionalidades, dado que os cidadáns, maiormente, actúan máis movidos polos sentimentos que coa mesura do razonamento frío e sosegado.

Donald Trump chegou a Casa Branca dicindolle ós americanos o que moitos querían oír: “Amerrica, Amerrica é a dona do mundo e manda; eu farei grande a Amerrica”. E no medio desa borracheira electoral os americanos puxeron no poder a un persoeiro excéntrico, ególatra, narcisista, que non escoita nin le e, sobre todo, é cretino. Un persoeiro de mirada altiva que di cantidade de parvadas, que fala das mulleres e trátaas como obxectos; que o que di moitas veces da que pensar, dado que parece que temos diante a un persoeiro caprichoso. “O meu botón e máis grande co teu”, dixolle ao presidente coreano, o que traducido á linguaxe da rúa ven ser “eu a téñoa máis grande cá túa”. Dous tolos falando nun idioma bélico. Dous tolos faroleando e xogando co futuro da humanidade.

Pero, de todo isto xurden varias preguntas: a primeira é que a xente queda engaiolada polas verbas dun predicador de ilusións; un vendedor de paradisos fantásticos. E por iso as persoas normais que razoan nunca poderán chegar ó poder, pois non erguen paixóns, nin fan promesas que saben que logo non poden cumprir. A segunda é que os electores, a gran masa, é manipulable ben porque se sinte a gusto escoitando o que quere, ou porque traga, tragamos, informacións sesgadas, medias verdades e mentiras que nos inducen cara unha ou outra opción e simpatía por un ou outro predicador. O certo é que maiormente o voto reflexivo ten poucas oportunidades de chegar ó poder. Exemplos hai a moreas, incluso moi perto de nós, onde o voto do cabreo axuda ó desgoberno que temos hoxe na cidade.

O Sr. Trump síntese un xenio. E como tal actúa. E pensa que é o rei do mundo mundial. A democracia, que é o sistema menos malo, tamén comete erros. E ás veces coloca no poder a cretinos e idiotas. Esperemos que os nosos gobernantes non lles entre no corpo tal paranoia e traballen polo país con racionalidade pondo por riba dos intereses particulares e de grupo os do país e os da xente. Para egocéntricos caprichosos xa temos ó presidente americano e a outros tolos que gobernan no mundo. Mentres tanto, teremos que aturar as manías e decisións dun persoeiro arrogante, caprichoso que pasará a historia por iso. Por crerse un xenio.