Opinión

Excesos verbais

Vivimos nunha sociedade á que moitos sociólogos lle chaman líquida, porque está en constante evolución e camiña a moita velocidade. O que hoxe é norma, dentro de pouco tempo xa non ten valor; mudou e xa é prescindible. Vivimos nun tempo cambiante con novas formas de relacionarse; formas que para moitos son un verdadeiro choque de trens. Novos conceptos aparecen na nosa vida facendo que as relacións sociais muden ate meternos na testa que aquelo que hai pouco tempo era norma de vida agora non vale ren. 

A vida actual camiña soamente en base ós resultados económicos e polo tanto o mercantilismo obríganos sempre a un consumismo acrítico. A parte humana e social perde espazo e todo vai cara unha deshumanización un tanto asfixiante. O importante é consumir, pois si así ao facemos seremos máis felices, dinnos dende moitas medios e eslogans publicitarios. Todo este magma en evolución crea tensións sociais nun mundo global moi complexo que camiña cara grandes desigualdades.

Pois ben, todo iso refréxase na vida diaria. Refréxase na política e sobor de todo na linguaxe que empregan os representantes públicos. Verbas esaxeradas que buscan un titular sen máis. Ser portada dos medios por un día parece o obxectivo. E así aplícanse nomes e adxectivos como hai “moitas manadas”, referíndose a un grupo político; “vostede é un golpista”; “vostede é un fascista” ou “precisamos homes heterosexuais para seren cregos”, como dixo un representante da Conferencia Episcopal. Todo unha desmesura na linguaxe que amosa que os representantes políticos e os públicos debían ser máis coidadosos á hora de poñer etiquetas ou facer este tipo de declaracións. Falar desa maneira tan lixeira pode levarnos ó erro e sinalar a todos os pertencentes a un grupo político como fachas, ou golpistas. Tamén a aceptar, indirectamente, que ate de agora, todos os membros de tal o cal organización eran o que agora se quere corrixir.

En fin, cando a esaxeración e a desmedida so vale para buscar un titular e ventaxas electorais, estase a trasladar á sociedade parte da tensión que levan esas verbas. Ou sexa, falando en termos futboleiros, ándase a quentar o partido. E xa se sabe que nunha sociedade na que as novas son case intantáneas, o asunto da lugar a falar sen ter a suficiente información e reflexión sobor de moitos temas. Polo que acontece, como nas cantigas, que co que sempre nos quedamos é co que máis se repite: o retrouso. E iso é moi negativo para o conxunto da sociedade.

Se o falar non ten cancelas, como di o dito, ter mesura cando se fala é unha virtude. E, a día de hoxe, por mor de diversos intereses maiormente partidarios, hai moi pouco coidado co que se di. Sobor de todo cando sen argumentos nin razóns previas, todo se resume nun adxectivo calificativo que se interpreta coma un insulto. Por iso, coidado cos excesos verbais que so traen tensión social e tortas, maneiras de pensar nunha sociedade que se crispa a pasos axigantados.

Te puede interesar