Falar por falar

Son moitas veces as que escoitamos a representantes públicos mandando mensaxes nos que nin eles mesmo cren. Falan e falan, ou, como di algunha xente, latrican, pero a súa faciana amosa que o fan por obriga dicindo realmente o que non senten. Un dito popular di que a cara é a expresión da alma ou si o prefiren do pensamento. E algo de razón ten. Pois cando non se cre no que se di, sempre hai algún xesto que o delata.

Pois ben, hai uns días un ministro de Rajoy falaba de que as pequenas cousas e chatas que acontecen nestes días, referíndose ós deportistas que teñen as contas en paraísos fiscais para pagar menos impostos, son casos illados que non deben tomarse como xeneralidades. E dicía que estas persoas son modelos a seguir polo gran público e moitos rapaces, polo que non se debía estender a todo o mundo do deporte a chata de que anda enmerdado en fraudes á Facenda e outras liortas.

E claro, diante tal afirmación, un pensa que ten parte de razón, pois os deportistas de base, os modestos e os pouco coñecidos, posiblemente nada teñan que ver co escuro mundo da evasión de impostos á Facenda pública. Pero os que están no cumio e desfrutan da fama, os que cobran cantidades de cartos con números que arrepían o corpo, os que teñen contratos por publicidade e logo se envolven na bandeira de España como grandes patriotas, chéirame que lles gusta pouco pagar á Facenda e se poden fuxen cos cartos para onde non pagan ren.

E despois de saber isto, de darlle categoría de mitos, eses señores que só saben darlle patadas ó balón, pero que son adorados e aclamados polos aficionados como deuses, moitos chegamos á conclusión de que, neste país, somos un tanto masoquistas. Pois ós asalariados, os que menos cartos teñen, son os que manteñen o sistema, son os que pagan os impostos e, pola contra tamén, son os que endeusan a estes persoeiros que cambian de cores e de equipo en función da pasta que lles dean.

O mundo do balón, cando deixa o campo do deporte de base, ten tras de si moitas escuridades. Move milleiros de millóns de euros e aparece vinculado a asuntos e operacións un tanto sospeitosas.

Pero segue a ser o deporte rei; e como di unha cantiga dun programa deportivo moi coñecido, “y los borreguitos pagando”. Mentres as chamadas estrelas fuxen fora do pais cos cartos para non cotizar impostos no estado que lles dá a gañar moreas de millóns de euros.

En fin, estas son as son cousas que pasan no pais do “Lazarillo de Tormes ou dos pillos” Mentres o ministro de Xustiza templa gaitas dicindo que unha mancha non pode ser estendida a toda o mundo do balón, pois son persoas e modelos a seguir. Os cidadáns, os controlados estamos seguros de que o ministro sabe que non soamente hai un caso senon moitos no mundo do fútbol referidos á evasión de impostos e corruptelas varias. Por iso, cando falaba parecía que finxía e seguro que dicía o que non sentía. Falaba por falar.