Opinión

Falar por falar

Moitos cargos políticos, para non deixar de estar no candeleiro, teñen como estratexia soltar parrafadas que maiormente parecen foguetes ó vento e nalgúns casos concretos laios que asemellan a choros. Son cantos de serea que non son nin escoitados polos seus xefes de partido, polo que pódense clasificar como maneiras de falar por non estar calado. Vivimos nun tempo no que se non apareces nos medios cada semana dicindo aínda que sexa unha parvada, non existes. É vital que falen de ti e mellor sempre ben. E esa febre aparece dende a política local, provincial e demais estamentos que nos gobernan. 

Hai uns días, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, afirmaba nos medios públicos que o cupo vasco pouco menos que lle quitaba a nosa terra unha ristra de millóns. E tamén dicía que o Goberno central dos seus compañeiros debía premiar ás comunidades que foran cumpridoras cos recortes e topes económicos impostos polo Sr. Montoro. E claro, despois de escoitalo un pensa que o noso presidente dispara foguetes de artificio para xustificar a súa pouca teimeza en defender con argumentos económicos sólidos a institución que goberna. E fai estas declaracións para que pareza que fai sen facer; que nos defende sen facelo, ou que non chora, aínda que solta bágoas como se fora atacado. Esquece o noso presidente que o cupo vasco negóciano os vascos en base a dous criterios: o primeiro é o do pago polos servizos que reciben do Estado, o segundo é que cando negocian cren no seu país, miran pola súa xente e deféndeno con sabedoría e tesón. E sabedores de que os votos do PNV son precisos para que o partido de Feijoo poida afrontar presupostos e outros asuntos, actúan en consecuencia.

E xa se sabe, o que está orgulloso do seu e o valora, e ademais ten a independencia do voto, pono por riba da mesa e faino valer. E se non que lle pregunten ós navarros que fan algo semellante pero están caladiños. Por iso, falando de valores, querencias e necesidades, lembro cando dende os púlpitos nas parábolas os cregos din: “Hai máis ledicia no ceo cando un descreído cre e volve á casa de Deus, que cando milleiros dos crentes entran nel”. E Feijoo xa é un dos crentes. E está obrigado a acatar ás ordes dos xefes.
Queda claro, os votos do partido de Feijoo xa son propios do PP e están ben seguros. Iso é o que se paga polas franquicias. Por iso o Sr. Feijoo soamente pode lanzar ó vento frases para quedar ben. Frases demagóxicas como a de que cos 225 millóns de euros que melloraron na negociacións os vascos, Galicia resolvería case todos os seus problemas. En fin, que a día de hoxe, toda a xente que está nun posto político de certa importancia precisa dicir cousas para estar na foto e xustificar que fai, aínda que maiormente as cosas que di sexan faroladas sen contido nin consecuencia positiva para os gobernados. Polo que, salvando as distancias no referido á educación e ó respeto, que hai que ter polas institucións e as persoas, na política, a día de hoxe, hai máis Rufiáns ca un. Persoeiros que están dicindo o que non senten ou contando medias verdades e que son mentiras a reo. Pero, o máis triste é que os eliximos nós. E cando falan so pretenden xustificar a súa submisión diante dos seus xefes, neste caso de Xénova, e a súa inutilidade como gobernantes. Ou sexa: falan por falar.

Te puede interesar