Opinión

Felipe VI: o argumentario do goberno

Como si se tratase do argumentario dos que hoxe nos gobernan, falou Felipe VI. Primeiro, moitas  louvanzas e orgullo de país; logo estase mellorando na economía;  despois,  verbas dicindo que  temos que levarnos ben, convivir e  respecto para todas as formas de pensar nunha sociedade plural como a nosa; seguíronlle  referencias á violencia da muller, á ecoloxía, ó terrorismo, tamén dixo algo  sobre a corrupción  e unha referencia as reformas necesarias para avanzar como Estado. Pouco novo que non se dixera noutros anos. Quizais o tono no que falou foi o mellor, aínda que  faltou  aquelo de que a lei é igual pra todos, o que é unha verdade a medias.  

Pero, para os que esperabamos que esta monarquía que nos representa a todos, gústenos ou non,   actuara como mediadora nos conflitos e árbitro nos desencontros políticos, como é o caso de Catalunya, nada de nada. Polo tanto, faltaron unhas  verbas pra  ises dous millóns de cataláns que pensan que a independencia é o mellor. 

 A coroa   segue muda e  ausente e parece non   querer afrontar  unha realidade como a do conflicto catalán ó que se chegou pola ausencia de política dos que agora aplicaron o artigo 155. Por iso digo que   máis ben,  cada vez que fala,  percíbese un rei,  máis como  un aliado do goberno e dunha parte desa España,  e non do conxunto que dí ser. 

Moitos esperabamos que o reinado deste novo monarca sería máis rompedor e tamén falaría para os que hoxe non comparten a visión do que nos dí o goberno; para os que hoxe aspiran a unha organización territorial distinta. Para os que hoxe cargaron co peso dunha crise que soio trae desigualdade social; para os  seis millóns que non poden pagar o recibo mensual  da luz que volverá a subir dentro duns días. Tampouco  houbo palabras para os parados e mozos que emigran buscando unha oportunidade noutros países.  Pois esta crise cargouse sobre as costas dunha parte da sociedade mentres, que uns poucos,  melloran a súa posición social e económica. Por iso  o discurso pareceuse máis ó dun portavoz do goberno actual  que doutra cousa. E a sociedade nosa precisa de xente que lle fale de realidades ós cidadáns  e non en ton paternalista a semellanza dos discursos de púlpito de igrexa. Pois os cidadáns xa somos  maiores  de idade e  percibimos e sofrimos  unha realidade distinta á que se nos conta dende os medios oficiais.

Polo tanto, creo  que o rei perdeu unha boa oportunidade de dirixirse a esa xente, que é moita, e que soamente o ve como unha persoa de boas palabras  que máis paece   un adorno  representativo  que é menos costoso cá unha república. 

En fin, esperemos que o ano próximo diga algo máis rompedor e sobre todo exerza ise papel moderador e de árbitro  que a constitución lle asigna e  que hoxe non se lle  ve exercer.

Te puede interesar