Opinión

Franqueira como referente

Cun país orfo e ausente na escea política e nas institucións do Estado, pois non está nin se lle espera, un grupo de persoas representando forzas políticas, hoxe minoritarias, do galeguismo e do nacionalismo, celebraron no campo santo onde repousa un acto en lembranza de Eulogio Gómez Franqueira, ó cumprírense cen anos do seu nacemento. O que foi o creador dun grupo empresarial aberto ás xentes do campo e tamén alma máter dun partido político que pretendía un galeguismo aberto e interclasista, que xogaba a ser goberno nesta terra, aparece agora como referente e creador de vida nun mundo rural hoxe agónico.

Os avatares da vida e as xentes que quedaron despois da morte deste home, truncaron un proxecto que, de terse mantido no tempo, outro galo cantaría na nosa historia política. Pero estamos onde estamos, e mirar o futuro case parece desalentador. Uns, os que consideran o nacionalismo como o seu patrimonio exclusivo, sempre están facendo reformas para poñerse acorde cos tempos. Claro, reformas que non van máis alá de trocar as maiúsculas polas minúsculas do logo. Pulido de chapa e pintura sen entrar no fondo da cuestión. Outros, nados despois da ruptura de Amio, perderon a voz no camiños da corte madrileña e agora son callado do sr. Iglesias. E outros lembran o que foron, mais cando tiñan que facerse ver e seguir na loita galeguista, pasáronse con armas e bagaxes ás poltronas dos populares.

E isto, de non mudar, é o que teremos por un longo espazo de tempo ate que vaia chegando a maduración e deixar a longa adolescencia partidaria duns e doutros para pasar a unha unidade básica que permita camiñar cara un futuro mellor co que hoxe se albisca. 

Nestes días, cando se cumpren cen anos do nacemento dun mestre ourensán que viu e intuíu o futuro poñendose mans á obra, é cando deberíamos valorar o que se perdeu e o que parece que será moi complicado recuperar: un galeguismo práctico e pragmático que poña os intereses da terra por diante dos partidarios; un galeguismo creativo e non endogámico que fuxa da única visión esquerda dereita como camiño da suposta redención. 

Non hai moitos días, Quintana, o que foi vicepresidente, dixo o errados van os que so intúen que o camiño está na loita esquerda dereita... e seguiu: o importante nesta terra é eliminar os vetos para poder producir, para deixarnos desenvolver, para crear riqueza, para controlar a nosa riqueza e poder ter poder político na mesa onde se discuten e deciden as cuestións importantes do Estado.
Poucos foron os homes que crearon empresas mirando cara o sector primario; poucos foron as persoas que creron no valor e potencial do noso agro. 

Pois ben, agora que todo está tan difuso, que todo o rural esmorece e que hai unha ausencia de líderes políticos que crean na terra, lembremos a figura de Franqueira e reflexionemos sobre o noso futuro, pois compre que haxa moitos homes como o mestre de Razamonde, que unan forzas para erguer esta terra para pór en valor a riqueza natural que temos e que hoxe, maiormente, é pasto das silvas e fogar do xabarín.

Te puede interesar