A gran obra: repoñer 147 pedras

A gran obra: repoñer 147 pedras

Contan os máis vellos que cando un repite e anuncia moitas veces a mesma cousa, para que pareza que se fai, o efecto é sempre o contrario é o resultado negativo. Isto é o que acontece na nosa cidade, onde o goberno municipal dalle a matraca repetindo ate a saciedade que fai tal ou cal obra ou, mellor dito, obriña. Estamos entrando na recta final do mandato do alcalde Jesús Vázquez, á sazón enviado polo presidente Feijoo do seu goberno, non sabemos se para desfacerse del ou pra amolar ós ourensáns. O certo é que estes tres anos na alcaldía pódense calificar como os anos do laio permanente e a ineficacia absoluta. Boas palabras, boas formas, pero nada salientable que presentar. Mellor dito, todo foi a peor nesta Auria nosa. Por iso recúrrese sempre o anuncio repetitivo de paupérrimas obriñas que se publicitan con moito boato pero que logo resultan ser chapuzas pequenas, no mellor caso cuestións de mantemento.

Que non temos presupostos, é culpa da oposición, di o rexidor. Pero si non se presentan porque nos primeiros anos nin houbo borrador, tamén é culpa da oposición. Que non temos plan xeral de urbanismo tamén volve ser culpa da oposición. Que funcionan mal varios servizos, a culpa é dos outros. Que están caducadas varias concesións, pois idem de idem. Sempre o mesmo mantra que se repite cansinamente até chamarlle cobardes os que denuncian o precario funcionamento do seu goberno ou non votan a favor dos presupostos. Pola contra, hai un tempo na prensa, iste rexedor municipal postulábase de novo para seguir de xefe na casa do concello. Pois imos aviados.

Non hai moito tempo nunca pequena conversa díxenlle: “Alcalde, presenta uns presupostos e como non che van ser aprobados, fas como fixeron noutros concello importantes galegos, pides unha moción de confianza e pérdela. Entón a oposición ten que presentar unha alternativa á alcaldía nun prazo determinado por lei. E como o máis probable é que non se poñan dacordo debido a diversidade ideolóxica, quédanche aprobados os presupostos e podes gobernar”. Resposta: “E se se poñen dacordo?

 Non, señor alcalde, non, o medo a perder o posto non debe ser xustificación para que o concello siga desta maneira. Unha persoa cando está nun posto de relevancia está para resolver os problemas dos cidadáns. E a política ten riscos que hai que asumir. O demais, simplemente agocha a idea de manterse no poder por manterse, a cambio de non facer ren. E iso é un fraude para a cidadanía. Polo que parece que soamente lle interesa o cargo. E así non imos a ningures. Dado que en política hai que xogar e apostar sempre en beneficio do interese xeral, e non do propio.

En fin, estamos chegando ós catro anos de mandato do alcalde e a gran obra que deixará no seu haber é a reposición de 147 pedras, ademais da desfeita da mellor banda de música que tivo Ourense, o tambaleo do festival de cine, a ausencia dun plan xeral de urbanismo para cidade e unha longa ristra de asuntos que amosan a un concello depauperado que non funciona nin é capaz de manter o que herdou doutras corporacións. Pero el parece feliz aireando pequenas chapuzas e obriñas que só son de mantemento ou que as fixeron outras institucións. 

En fin, catro anos perdidos. De pena.