Opinión

A hisopazos

Anova de que o sínodo de bispos reunido no Vaticano aprobou unha unha vía para que os divorciados se volvan a casar e sexan admitidos na Igrexa lembroume historias de hai trinta anos, cando dende os púlpitos se falaba -empezaban a aumentar as separacións e os divorcios- de que o que une Deus na terra non o poden separar os homes. O certo é que o paso que deu a Igrexa nestes días facendo unha lectura distinta da condena para todos os que optaban por esta opción na súa vida -claro, menos os que pasaban polo tribunal de Rota e pagaban ben-, saca a luz a relatividade das interpretacións nas cuestións de fe.

E por iso lembrei a un crego que na misa dun domingo na homilía dicía: “Ahora que tanto aumentan las separaciones y los divorcios diré lo siguiente: en cierta ocasión un matrimonio fue a decirle al cura que los casó que se querían divorciar. Este les dijo: 'Arrodíllense”, y cogiendo el hisopo comenzó a darles un golpe a cada uno en la cabeza. Cundo uno falleció, el cura le espetó al que quedaba: 'Ya están ustedes separados”.

Tal exemplo nunca o esquecín, non pola brutalidade na didáctica, senon pola forma de expresalo con tanta contundencia. Pois o crego falaba con total convencemento. Con todo, as prédicas dende os púlpitos seguiron pero, por moito que se menten e se insista nas verdades absolutas, a xente quere vivir e ser feliz. E cando a convivencia non é posible, non queda outra máis que civilizadamente seguir camiños distintos, e iso implica non impedir refacer a vida de novo con outra parella.

As sociedades creáronas os humanos e froito da convivencia naceron normas, formas de vida e moitas cousas máis. Pero as sociedades son mutables, dinámicas, e as relixións sempre baseadas nas cuestión de fe, e polo tanto inmutables, son sumamente lentas en asumir realidades. A súa estrutura piramidal non escoita á base na que se ampara e en boa medida vive. Máis ben soamente adoutrina e, a día de hoxe, na nosa terra perdeu o tren de estar nestas cuestións á altura dos tempos. Pois agora que moitos non bautizan os descendentes, non se casan diante un crego e a convivencia prematrimonial en parella faise con toda normalidade, que vai facer a Igrexa? Condenar a todos os humanos que optan por esta forma de vida? Supoño que non. Por iso o paso dado é importante, pero chega tarde, moi tarde.

Movan ficha, que a época do medo o que se dicía dende os púlpitos pasou e tamén a dos hisopazos. Todo iso forma parte dun pasado que quedou atrás. Forma parte doutros tempos que non volverán.

Te puede interesar