Opinión

“Hoy comamos y bebamos..."

“Hoy comamos y bebamos y cantemos y holguemos

que mañana ayunaremos...”

Juan de la Enzina, poeta y músico. Fermoselle, León 1468-1529




Estamos no Nadal e a piques de empezar o 2016. Na rúa saudámonos e desexámonos todos un feliz e mellor ano co vivido. Mais tamén somos sabedores de que o feito de encetar outro ano novo pouco vai afectar no colectivo das nosas vidas. Pero con todo, sabedores de que a rutina forma parte da nosa acontecer diario, sen decilo, sempre esperamos que algo cambie a mellor no ciclo novo que empeza. Mais con todo o dito, os antecedentes que levamos ás costas indican que todo será semellante o que deixamos atrás. A crise económica será aínda moi evidente. A precariedade laboral seguirá campando e a nosa sociedade galega, e en particular a ourensá, seguirá esmorecendo. A incertidume política actual, veremos como se resolve e se non hai que volver votar cara abril ou maio.

Con todo, o paro, o fraude fiscal e o mantemento da Seguridade Social serán asuntos sen arranxar que traerán no futuro máis incertidume. E así, unha ristra de problemas de importancia para a toda a nosa sociedade.

Vivimos tempos de incertidume política que poden ser o preludio de cambios sociais tamén incertos. Vivimos tempos nos que a nosa sociedade non é capaz de soltar o lastre de séculos de “picaresca lazarillana” onde cada día o común perde espazo fronte ó desmesurado individualismo e o ego personalista. E se a iso lle sumamos á ambición humana desmesurada e toda a corrupción que leva consigo, acontécenos que socialmente actuamos como no conto do zorro: deste animal tan ferrnso como avispado din que pode perder o rabo, pero non as mañas. E iso está cravado nos xenes da nosa humana condición.

Isto queda confirmado despois de ver o listado de puferos á Facenda. Empresarios a esgalla; ex banqueiros que presentaban, hai un tempo, un partido para rexenerar España e sacarnos da crise; deportistas que se envolven na bandeira española cando gañan un título, e clubes deportivos que levantan paixóns demesuradas, e agora resulta que son os que máis defraudan. Diría eu, son os que rouban ás arcas do Estado: máis de 15.000 millóns de euros; sen sumar o que deben os que non pasan dun millón. A pregunta está servida: quen paga impostos neste Estado? Quen paga a Seguridade Social? Pois, así de sinxelo: a gran masa social que ten un salario cativo de menos de 1.000 euros e á que, cada día, se lle reduce o poder adquisitivo. Mais, na campaña electoral disto apenas se falou. Na campaña case todos prometeron o ouro e o mouro, sabedores do imposible de tales ofertas.

Por iso remítome o encabezamento deste artigo. Todos os problemas deste Estado, veñen de moi lonxe, e ó meu xuizo soamente se empezarán a arranxar cando se instaure unha nova ética individual e colectiva.

Feliz 2016 para todos.

Te puede interesar