Opinión

Inaugurar non é facer nin xestionar

Cando estamos a piques de cumprir un ano de mandato desta corporación local, e a suma de resultados acadados indican un traballo paupérrimo ou case nulo, venme á memoria aquelo de que quen inaugura unha obra, ou lle pon o ramo, non sempre foi o que fixo a xestión e puxo a andar o proxecto. E digo isto pois, no que vai de ano dúas cuestións chamáronme a atención poderosamente, pois nelas amósase con meridiana claridade o reseñado. Ben sei que a memoria é fráxil, e que quen queda ben diante a cidadanía é o que corta a cinta. Pero, como as cousas do pazo sempre camiñan moi lentamente e a publicidade pon o resto, pois ate pode acontecer que moitos crean nunha fantasía ou que están a ver unha obra teatral.

Hai cuestión duns meses, despois de moitos atrancos, púxose en marcha o edificio da Molinera. Evidentemente era preciso rematar o traballo empezado, pero moito mellor sería se o proxecto no que no seu día a concelleira de Turismo e Termalismo e o seu equipo, o cal negociou a cesión dos terreos, redactou o proxecto e adxudicou a obra, vira a continuación do mesmo pola corporación actual, como se pretendía no seu momento; continuación para que o paseo se enlazase coa Praza de Abastos. Pero non foi así, se non que os gobernantes populares que no seu día puxeron cantos paus puideron nas rodas a todo o que se facía dende o bipartito, agora, con bombo e platillo, inauguraron a obra como se fora unha consecución propia, e a oposición caladiña. Si, moi caladiña.

Algo semellante vai acontecer coa reforma que se iniciará na Praza de Abastos. Vexamos: se mal non lembro en meses empezará unha reforma da Praza Nº1 da cidade. Reforma moi necesaria que no seu día foi boicoteada tanto por un sector dos praceiros, como polo Grupo Popular dende o Concello, o que conseguiu retrasar a mesma máis de cinco anos. Pero o máis curioso do asunto é que a reforma agora ampárase no proxecto que daquela foi aprobado, e na consecución do 2% das axudas económicas que veñen do Ministerio de Cultura por estar declarado o edificio como ben de interese cultural (BIC). Mais compre lembar que os populares opoñíanse tanto á aprobación do PERI como á declaración do BIC. Agora, despois do tempo perdido e rebaixando o proxecto inicial que era máis ambicioso, aceptan e falan de xestión do goberno. Claro, obviando intencionadamente que se aproveitan do traballo feito polo equipo do bipartito e dunha concelleira como foi a mencionada.

Estas e outras que saíran á luz, son as contrariedades da política. Estes son os segredos agochados dos que antepoñen o interés partidario aos intereses xerais dos cidadáns e poñen a traballar ós seus gregarios que aceptan mansamente o mandado, para impor a súa maioría no grupo de praceiros e frear anos unha reforma que, polo ben de todos, tiña que estar xa feita.

Pois ben, agora que pasou un ano de corporación e non hai nada que presentarlle ós cidadáns; agora que seguimos sen PXOM e os que gobernan son os herdeiros dos que fixeron a chapuza de trocar os planos; agora que nin hai capacidade para rematar as beiras do Barbaña no tramo dende a Molinera ata a Praza de Abastos, cabe unha pregunta: ten vontade e capacidade o actual goberno para facer algún proxecto que ilusione e valga a pena reseñar para ós cidadáns de Ourense? Penso que non.

Unha cousa é xestionar, traballar e buscar apoios económicos, e outra inaugurar e apropiarse do traballo que fixeron gobernos anteriores.

Te puede interesar