Incerteza

Se antes do 1 de outubro tiñamos interese en saber o que acontecería en tal data, e despois de ver as imaxes tristeiras e violentas que deron a volta ó mundo, e tamén de escoitar ó presidente Rajoy falar e dicir o mesmo de sempre, a incerteza da solución sobre o asunto catalán aumentou de maneira importante.
Cando nunha sociedade o diálogo político é un monólogo e soamente se pensa no rédito electoral que pode dar no resto do Estado, e dende o Goberno non se ten a sensibilidade para percibir e darlle saída os sentimentos e ansias dun sector moi importante de xente como é o caso, pódese asegurar que imos por mal camiño. A ausencia de propostas políticas, a falla de puntos de encontro e o recurso da lei e a xustiza como única saída, leva o tema a situación incerta e moi impredecible.

Poderemos estar ou non dacordo co discurso independentista, pero tentar solucionar o enfrontamento de dúas legalidades dando porrazos e berrando “a por ellos oe oe oeoe”, parece un desatino total. Direi máis, parece a imposición da brutalidade fronte a forza da palabra e a razón que se quere expresar votando. Igualmente parece outro desatino pensar que o españolismo síntese igual na Rioja o na meseta castelá que en Galicia Euskadi ou Catalunya. Grave erro que se ven arrastrando dende a época da I República e que o estado das autonomías solucionou en certa medida, despois da morte do ditador, e trouxo unha época de prosperidade. 
Pero as sociedades cambian e as xeracións tamén mudan a forma de ver a vida, de pensar e de entender a relación territorial e política. E pechar os ollos diante tal realidade, chegando ó menosprezo ou a entender a unidade da totalidade sen contar coa parte, e polo tanto impóndolla sometendo a súa opinión ó que decida o conxunto, volve ser un erro grave.

O día 1 pasou. Deixou imaxes duras que desprestixian sobre todo o Goberno de Madrid. E cada día que pasa a separación entre o Estado e, neste caso, Catalunya é maior. Os sentimentos e o orgullo de pertenza e de defensa dunha cultura e o valor da dignidade como persoas debe ser respectado. E a boa relación non se logra por imposición da Xustiza. Teñen que existir outros camiños que pasan polo diálogo e o recoñecemento de que España non é unha soa nación, pero que pode funcionar perfectamente igual que hoxe. Portugal tamén era parte de España, si ou non? Polo tanto é necesario moita sensibilidade e cesión para facer acordos que traian a concordia e progreso do noso Estado. Ademais hai que lembrar que España non é soamente a visión do PP. España é algo máis diverso. E se iso non se entende e non se busca o diálogo, camiñaremos cada día con máis incerteza e o final perderemos todos.