Opinión

Irreflexión ou cabreo na política?

Este domingo falaron os cidadáns da vella Auria nas urnas, e aínda que se esperaban uns resultados que castigaran ós partidos que se alternaron no poder en Ourense, dado que a forma de gobernar ate de agora deixou luces e sombras, e diso derívanse problemas que terá que resolver quen goberne a partir de agora, a sorpresa foi maiúscula. Na escena da casa reitoral, unha colleita de votos impensable foi parar o grupo de Jácome e os seus. Ábrese un mandato no que se prevé moito, moito espectáculo, dado que en certa medida foi o que fixo este señor como concelleiro da oposición nos catro anos pasados. Por iso, o acontecido na cidade das Burgas debera ser motivo dunha fonda reflexión, dado que dificilmente se poden explicar estes resultados dende a racionalidade das propostas políticas presentadas polos distintos grupos en litixio.

O primeiro que percibo a ter en conta é que nas campañas electorais os grupos que fan propostas serias e con visos de seren realidade teñen escasa influencia no electorado e, polo tanto, no resultado final. A racionalidade e o sentido común está, nestes momentos, en horas moi baixas. De nada vale visitar barrios, falar cos veciños, interesarse polos seus problemas. De nada vale facer mellorar os servizos, a xente hoxe móvese por outros parámetros e á vista están os resultados. En barrios onde houbo fortes inversións e melloras, e os servizos funcionan ben, non se valorou o feito, e apoiouse a quen se descoñece e nunca tivo a ben visitalos. Un exemplo: Seixalbo, onde DO leva máis dun centenar de votos sen coñecer o sitio. A que criterio obedece este comportamento? Pois non o sei. Creo que unha gran parte do electorado móvese por principios, que máis que principios ideolóxicos ou realidades tanxibles, son impulsos. Si, impulsos pouco reflexivos, emanados por escoitar aquelo que lles gusta e é demagóxico e sumamente crítico con quen goberna, polo que entra moi ben pola vista. E iso indica que na nosa sociedade hai sectores sociais que funcionan e se activan soamente dende a crítica dura e descarnada que fai da política un espectáculo televisivo.

Avecíñanse tempos de moito barullo na nosa corporación, posiblemente peores cos habidos ate hoxe. E o malo é que hai grandes problemas sen resolver e parece que non están na axenda dos vencedores morais.

Empeza un mandato coa entrada na corporación dun novo grupo político OUenC, con 5.478 votos. No seu discurso soamente souberon dicir que querían gobernar como quixera a xente. O seguinte grupo, facendo unha campaña de espectáculo nos plenos e xudicializando a política, recibiu como premio 13.431 votos, para ter como obxectivo principal colocarse na alcaldía. Desaparece o BNG, 2.420 votos. Paga moi caro o froito da división ideolóxica habida hai uns anos. E, en canto o PSOE, 10.070, e o PP, 16.345 votos, o primeiro recibe un castigo polas súas liortas internas, e o segundo paga o prato da súas políticas de recortes sociais e castigo ós máis débiles.

Veremos se cando reflexionemos, coa frialdade da razón e do pensamento equilibrado, non nos arrepentimos e non nos laiamos, pois podemos toparnos cun grave desgusto. Un amigo, á pregunta de como levaba o concello o seu alcalde dicía: “Non fai nada, pero tampouco desfai”. Pois o malo é cando temos que arranxar o que se fai mal ou cando se chega a desprestixiar as institucións públicas pola banalidade e torpeza de quen as goberna e chegou ó poder soamente para satisfacer o seu ego persoal. Desfacer é sinxelo, facer costa moito traballo. Moito coidado cos mesías de novo cuño, pois as súas megalomanías ó final pagámolas todos.

Por iso pregunto: se o que pasou o 24M en Ourense foi consecuencia da irreflexión dos ourensáns ou do cabreo, foi froito do voto meditado ou do voto impulsivo. En fin, quixera expresar un desexo: noraboa os gañadores, e que a Ourense lle vaia ben, pois iranos ben a todos.

Te puede interesar