Opinión

Lembrando a Marcos e outros ourensáns

Lembrar as persoas salientables dunha cidade ou mesmo da provincia, coñecer a súa obra, é cando menos unha tarefa que non debera pasar desapercibida. Con todo, a memoria colectiva sempre foi moi fráxil e precisa do recoñecemento público para non esquecer e avivar a memoria nunha sociedade onde vivimos de presa e case sen tempo para valorar a obra e bonhomía destes insignes que nos deixaron.

Nestes días o Concello abriu ó prazo para recoller adhesións para o expediente de honra de Marcos Valcárcel López, persoa de gran valía que nos deixou no mellor da vida hai uns anos. Marcos foi un ourensán que sempre estivo vinculado ó eido cultural e á investigación histórica e deixounos moitos traballos que nos aclaran e dan a coñecer diversos aspectos da vida galega e ourensá en particular. Marcos tamén foi un militante activo no mundo do nacionalismo, onde deixou unha pegada de bo facer e, sobre todo, por ser unha excelente persoa. Celebro o acerto da Corporación para incorporalo á nómina de galegos e ourensáns e, a título persoal, súmome á iniciativa.

Mais o que está a acontecer con Marcos tráeme á memoria que tiña que facerse con moitos máis persoeiros que están a día de hoxe no esquecemento, cando non debera ser así.

Nestes días se cumplen 29 anos da morte do ilustre e recoñecido músico Ángel Barja. Barja, natural de Vilardevós, concello ourensán, que desenvolveu a súa vida musical fora de Galicia, concretamente en León. Pero iso non impide que a súa obra e figura nin se coñeza nin se nomee como fillo que foi desta provincia. E ó lembralo, véñenme á memoria outros persoeiros do seu gremio que viven no esquecemento, pois, en Ourense, salvando algunhas institucións educativas, un instituto e o Conservatorio, ninguén se recorda nin sabe nada deles. Mais a obra musical que nos legaron é moi importante. Falo de Antonio Jaunsarás e de José Vide, coñecido como “O mestre Vide”. De Janusarás, o Conservatorio de Música da cidade, hai un par de anos, acordou que a aula de órgano, a única de Galicia onde se imparte esta especialidade, levara o seu nome. De Vide, unha rúa e un instituto da cidade lembran o seu nome. E o seu importante legado foi recopilado, transcrito e organizado polo musicólogo Javier Jurado Luque e editado en cinco tomos coa inestimable axuda da Deputación.

Con todo, o listado de persoas da cultura que traballaron con intensidade por manter o nome de Ourense é máis longo. Pero, como tantas veces acontece, os seus nomes non figuran en ningures e menos teñen un recoñecemento público. Nalgún momento haberá que falar e definir que se entende por cultura con maiúsculas, para fuxir de tanto provincianismo e cultura devaluada que hoxe existe; para, sosegadamente, e con certa prespectiva, clarificar estas cuestións e, desta maneira, poñer a cada quen no lugar que lle corresponde.

Celebro que a Marcos Valcárcel se lle abra un expediente de honra. Non me importa de quen fora a iniciativa, pois enténdoa moi acertada e positiva. E ratifícome na necesidade de crear memoria colectiva, lembrando ás persoas que deixaron marca nunha sociedade que camiña tan de presa que non ten tempo para recoñecerse e tomar exemplo das xentes salientables que a habitaron.

Te puede interesar