Opinión

Manterse no poder polo poder!

Di a conselleira de Medio Rural que a culpabilidade dos lumes é soamente dos incendiarios. Pois claro, o que planta é o que comete o delito. Pero se soamente nos quedamos nesa frase, pódese dicir que seguimos errados e que non vemos máis lonxe da nosa sombra. Ou sexa, que a conselleira parece que está cega e algo xorda pois non ve nada máis que a man do home incendiario. A afirmación habería que engadirlle o que dixo o portavoz da Deputación no último pleno no que chamou carroñeiros á xente que se manifestou contra os lumes recentemente en toda Galicia. Toda esta ristra de declaracións carentes de argumentos e dunha análise que puidera aportar máis luz sobre un tema tan complexo, lémbrame que hai un tempo, nun programa nunha televisión local, falando do rural e da súa desertización e abandono, un contertulio da Deputación (alto cargo pra máis sinais) defendía que as cousas hai que deixalas ir e que se o rural esmorece é porque a xente non quere vivir nel. E así xustificaba a situación da desertización humana e desaparición do sector primario.

Por iso, as declaracións tanto da conselleira como a do voceiro da Deputación e tamén as do ilustre funcionario teñen un nexo común que as une, aínda que están separadas polo tempo. E que ven sendo ir apagando os lumes e esquecer todo o demais. Dito doutra maneira, ir capeando o problema. Claro, esquecendo que os incendios son un síntoma dun sector, o primario, que é pasto das silvas e o mato; un sector que espera reformas lexislativas que abran novas formas pra facer rendible económicamente o monte e a posibilidade de que no rural se asente xente; un sector que precisa e clama por medidas que vaian moito máis alá de contratar avións para apagar lumes ou de prantar piñeiros e eucaliptos. 

Ben sei que cando se empezaban a tomar medidas para atallar os problemas, os populares afirmaban, panfleto en man, que a xente lle ían expropiar as terras e outra mentiras. Pero agora, vendo o panorama e comprobando que nada se move, pois a cantinela dos lumes cada ano volve con máis intensidade, fágome a seguinte pregunta: e non será que dende o cargo político máis pequeno ate o de máis responsabilidade, ou sexa dende o alcalde dun concello pasando pola Deputación e tirando ate o presidente da Xunta, e logo sumándolle os deputados e senadores das Cortes, todos pertencentes á mesma formación política, insisto, todos están no poder para desfrutar do mesmo sen outra pretensión?

Gobernar implica tomar determinacións e mollarse para mellorar a sociedade. Implica enfrontarse ós problemas sabedores incluso do custo electoral que pode ter unha importante reforma. Si ou non? Pois ben, diante unha sociedade envellecida, temos unha clase política que ten como único obxectivo o de manterse no poder eternamente. E mentres, cada ano que pasa en Galicia e en Ourense en particular imos a peor.

Te puede interesar