Opinión

Medo a perder o poder

Moitos din que o poder engancha, e que cando o perdes sintes un baleiro que arrepía. E algo de razón teñen, pois parece que hai xente que leva moi mal este asunto. Claro que isto acontece cando estás moitos anos montado no machiño e ate te fas a idea de que tal posición de mando che pertence de maneira indefinida.

Mais nos tempos de hoxe, nos que todo camiña á velocidade de vértigo, todo é posible. Acóstaste cuns plans para unha semana e nese escaso tempo troca todo de maneira súbita. Todo o planeado muda case sen ningún aviso, polo que colles un cabreo monumental e buscas culpas para satisfacer o que consideras unha inxustiza ou unha trama contra ti.

Pode que isto aconteza por vivir arredado da realidade, ou vivir louvado polos teus, sen escoitar a voz da rúa. Si, sen escoitar os laios dos que manteñen a sociedade actual e pagan os impostos relixiosamente, pero que xa non ven nos seus gobernantes ningunha referencia ética para seguir pagándoos. Camiñan pola vida so mirando para o propio, pois, desesperados, xa non cren en ninguén.

Esta foi ao meu xuizo a causa que permitiu unir forzas políticas dispares para dicir ate eiquí chegamos. E así porlle fin a un goberno que xustificaba o seu poder e sentía saldadas as súa faltas e delitos cometidos polos seus durante tantos anos sen ruborizarse. As urnas dan lexitimidade para gobernar, pero non son capaces de devolver a credibilidade polas faltas de ética e honestidade no exercicio de administrar o público. As falcatruadas foron sancionadas polas urnas, pregoaban ós catro ventos os mandos populares. Pero esta maneira de entender a vida pública é un erro que á vista de milleiros de cidadáns considérase un fraude total. Por iso, cando nas sociedades certos valores éticos son ignorados e saltados, pasa o que ten que pasar. E sempre hai quen se rebele. 

A todos os que se lle enchía a boca de falar da Constitución como lei de leis, agora trinan e empregan mil calificativos para desprestixiar a nova maioría que auspiciou o cambio de goberno. Pois ben, aplicando e seguindo o que di o referido texto conformouse unha maioría lexítima para exercer o poder e tentar que a ética volva presidir á vida pública.

Na Europa á que tanto ollamos incluso con agrado, por cousas moi pequenas un cargo público electo dimite. Pero nesta España, esa verba e esa ética poucos a practican. Eiquí xogase coa dialéctica do e tu máis, co obxectivo de non cumprir e zafarse das responsabilidades.

Posiblemente pouco poderá facer o novo Goberno do sr. Sánchez, pero moitos cidadáns conformaranse con que lle devolva a ética e honorabilidade ós que exercen o poder e gobernan o Estado. Pois sen credibilidade e sen uns principios de referencia no exercicio do poder, nada bo pode saír. E se isto non o entenden os que ate de agora gorbernaron é que non entenden ren.

Que ninguén busque milagres no novo Goberno, pero xa era hora de que os que pagan impostos e manteñen o estado vexan nos seus gobernantes ética e pulcritude, e non atopen silencios, vaguedades e dirixentes que minten máis que falan.

Perder o poder, para os que se sinten donos del, como se fose parte do seu patrimonio, é un trauma e dalles arrepío. Cecais agora lle chegou o momento de que se rexeneren e entendan que máis que encherselle a boca falando de España teñen que falar dos cidadáns, que son os que manteñen o Estado e elixen os seus gobernantes.

Te puede interesar