Que muden o voto

Hai uns días, nunha entrevista televisiva, escoitei a unha representante do nacionalismo galego falar dos bos resultados acadados pola súa formación nas eleccións de setembro. Digo bos, pois as enquisas intuían que esa formación estaba a piques de perder a representación no Parlamento galego. Polo tanto, o de bos resultados hai que poñelo en dúbida, dado que se os comparamos cos das autonómicas de hai catro anos son peores.

Durante a entrevista escoitei como respondía á pregunta de se a súa formación estaba disposta a modificar os obxectivos políticos e reivindicativos e que reformas tiña previstas para frear a caída electoral que viña soportando. A resposta foi que sempre estaban modificando cousas; que eles escoitaban a Galicia real, pero que as reivindicacións e obxectivos políticos eran os de sempre dado que formaban parte do seu ideario. Días despois vin outra entrevista na que o cabeza de lista das Mareas afirmaba que eles eran un partido unido, pero axiña lembrei que os de Podemos dicían, a modo de aviso, que en Galicia tiñan sete deputados. Mais a esta resposta seguiulle a decisión de Esquerda Unida de pedir máis visibilidade dentro do grupo antes mencionado, polo que decateime que o de grupo único xa o veremos co paso do tempo. E logo pensei no que está a acontecer nesta nosa terra, onde a xente que hoxe forma os grupos da oposición non acaba de entender que diante de si ten a un forte PP e que estas ansias de destacar ás partes que conforman o conxunto só fai amosar as debilidades do que hoxe se chama un partido instrumental que pretende liderar a oposición en O Hórreo.

A continuación ollei os moi cativos resultados obtidos polo galeguismo e concluín que toda a oposición nacionalista aos populares vive confundindo a realidade social coa visión idealista dunha terra e dunhas xentes que a día de hoxe, salvo algunha excepcións, vota libremente o que lle resulta máis atractivo. E pensei que é o que ten que pasar neste país para que os lideres políticos do nacionalismo baixen a terra e traten de entender ás xentes que nela viven. Tamén pensei se os que se conforman con seren sempre oposición, algún día, por casualidade, chegarán a gobernar, pois percibo que están satisfeitos con vivir eternamente nesa situación.

A apelación que pretende atraer ós votantes con reivindicacións que poucos entenden fai máis visible a necesidade de entender que, para que mude esta realidade, é necesario facer unha proposta atractiva e realista que ilusione á xente. Proposta que fuxa dun radicalismo infantil e utópico, para fiar un programa serio que empece a solucionar os problemas que temos hoxe. Mais nesta terra campa, e creo que pola cegueira e división dun nacionalismo exclusivista, o Partido Popular. E de non formarse unha alternativa sólida que fuxa dos individualismos partidarios e exclusivistas, que baixe á realidade social do que demandan maioritariamente os galegos, nada mudará en positivo. Conformarse con manter uns principios e unhas utópicas metas e resistir non é suficiente e pouco se pode esperar desa postura. Polo tanto, hai que modificar propostas, forxar unidades, arredarse de compañías partidarias de mando centralista, cambiar programas e non esperar a que a xente mude de maneira repentina. Conformarse implica morrer lentamente.