Opinión

Un Nadal atípico

Debe ser a primeira vez, dende a chegada da democracia, que, perto das festas do Nadal, están convocadas unhas elección xerais. O certo é que, entre luces que anuncian as festas e incitan ó consumo, están as chamadas a actos electorais; e no medio, os candidatos, case todos descoñecidos, andan pola rúa pedindo o voto para a súa formación política ou para o líder que a representa a nivel de Estado.

Non se escoitan os cantos repetitivos e cansinos dunhas panxoliñas gastadas polo tempo, nin tampouco percibimos un ambiente moi animado. Quizais todos andamos un chisco inquedos ate que pase o 20-D. Pero, ademais do que acabo de comentar, iste Nadal parece un tanto conxelado e non de frío precisamente. Digo isto pois, despois das continuas imaxes dos refuxiados fuxindo de países desfeitos polas guerras e a miseria, pola loita e control do poder económico e tamén polo fanatismo e sectarismos relixiosos, percibimos un tempo convulso e cheo de incertidumes políticas que marcan un futuro incerto para o mundo.

E no medio deste valbordo están cantidade de cidadáns indecisos, meditabundos que aínda non decidiron se votar e a quen votar, dado que na campaña a pe de rúa non hai explicacións do que fixeron os nosos representantes provinciais no Congreso, nin do que van a facer os novos que van nas listas. Soamente retranca, medias verdades e moitos silencios. Si, grandes silencios.

Cando todo indica que o bipartidismo perde apoios importantes, que outras formacións heteroxéneas irrumpen na escea política con forza; que no eido nacionalista galego a confusión çe total: dúas listas loitando por un mesmo espazo; cando ter representación nas Cortes é tan necesaria, todo indica que non imos a mellor. Todo anuncia a ausencia de dirixentes con visión de futuro a medio e longo prazo.

Vivimos tempos nos que soan ventos de mudanza e os galegos imos a remolque, coma sempre, divididos. Imos como de costume rifando entre nos, sen decatarnos que a división condúcenos á nada. Parece que ate somos o reflexo dunha sociedade que está mergullada nunha crise económica; unha sociedade en continua crise de valores que non son máis que o preludio de incertezas para os anos vindeiros. Vivimos nun país onde a xente confórmase con ir tirando e ignorando os grandes retos do futuro. Vivimos nun tempo de Nadal moi atípico e un tanto decafeinado e desnortado. Unha pena.

Te puede interesar