Opinión

Nin arre, nin xo

Mire, señor presidente, que as cousas non lle son coma antes. Entenda que a época das maiorías absolutas mudou; que chegou outra xeración de xente á política e pide paso; que vostede ten a derradeira oportunidade de ser presidente. Polo tanto, deixe de dicir que o pasado do seu goberno e as súas grandes leis non se poden revisar; que hai que chegar a acordos e iso implica ceder, e faga unha fonda autocrítica de como se fixeron as cousas, e lembre que hai que lavar a casa e saneala para mudar a imaxe.

Isto sería o que moitos lle diríamos a quen presidiu o Goberno do Estado e agora está na interinidade do mandato. Por iso cando escoito falar das preocupacións e das valoracións negativas que fai Rajoy sobre as demais forzas políticas, penso que, quen non foi capaz de presentar unha proposta de goberno seria que vaia máis alá da súa visión de política partidaria, non vale para seguir presidindo o Goberno. Entendo que a renuncia, a medias, que non o retiro da vida política, é unha estratexia unicamente partidaria. Unha máis, para quen contan máis os seus propios intereses e os do seu partido que os dos conxunto dos cidadáns. Polo tanto, o do ben dos españois non é nada máis ca unha falacia e unha escusa para tratar de gañar tempo.

Con esta situación un tanto curiosa, por non dicir extraña e pouco responsable, veremos como se resolve o panorama e a quen manda o monarca formar goberno. Confeso que non me gustaron as formas do señor Iglesias, case anunciando o nome dos ministros e dando por feito un acordo, sen falar cos grupos cos que quere acordar. Pero, cando as cousas non camiñan e nin se moven, alguén ten que darlle un empurrón e axitar o asunto. E, como rematou o tempo das maiorías absolutas e un sector moi maioritario de cidadáns reclaman reformas e unha ética política nova, e ós dirixentes da dereita cóstalle asumir que se queren gobernar teñen que rexenerarse, é necesario que alguén teña que mover ficha. Máis, con todo, parece que no seo dos populares iso de momento non está previsto, pois mover ficha no PP implica apear do machiño a moitos prebostes, facer un lavado no partido e asumir que non soamente son eles os que teñen dereito a gobernar. E todo iso, sen ameazar indirectamente ós que pretenden formar unha maioría alternativa para gobernar, con aquelo de “temos a maioría absoluta no Senado”.

En fin, cando, o que pretende ser director da orquestra, nin arre nin xo, ou se o prefiren, nin pra diante nin pra atrás, todo indica que os intereses persoais e partidarios están por riba dos xerais e iso é o que está a pasar hoxe. Polo que deduzo que baixarse do carro do poder mete medo e arrepío.

Te puede interesar