Opinión

Nin café nin leite

Xa choveu dende que houbo as primeiras eleccións municipais da democracia onde se lle puxo fin ás corporacións do réxime nacido do golpe de estado franquista. Lembro que daquela, as corporacións non tiñan Concellería de Cultura. Polo que esta figura naceu coa chegada da democracia coa intención de darlle contestación as reivindicacións dunha sociedade que reclamaba que os concellos tiñan que participar no eido cultural adicando parte dun presuposto para actividades deste tipo. Pois, daquela, a iniciativa cultural partía basicamente das entidades artísticas e recreativas como o eran o Liceo, a sociedade artísitca pontina da Troya, a asociación cultural Auriense e outras.

O certo é que, co paso do tempo, as sociedades mudan e con elas gustos e formas de vivir e actuar na vida. E aínda que nos primeiros anos despois daquelas eleccións municipais, o tecido cultural da cidade mantívose con forza, anos adiante foi perdendo presenza na urbe, para pasar a un segundo plano e a día de hoxe camiña en total retroceso. 

A sociedade actual soamente promociona a vida individual, polo que a vida asociativa e cultural pasou a estar completamente vinculada á un novo termo: cultura festa. Iste binomio permitiu crear unha mistura onde, claramente, saíron perdendo ámbolos dous conceptos. A día de hoxe, soamente se entende a actividade cultural como festa, o que implica que as festas son mellores cando son macroespectáculos de masas que ocupan espazos públicos importantes e vitais para a cidade, onde predomina a música estandarizada lanzada a golpe de decibelio festivo cun volume atronador que molesta á veciñanza. Este modelo de festas deixa completamente relegados aspectos referidos á personalidade propia e cultural do lugar onde se fan estes eventos. As festas que temos a día de hoxe poden valer para calquera cidade ou lugar do mundo mundial, pois nada distingue unhas das outras. Todas son semellantes: as músicas e os espectáculos estandarizados e a personalidade propia do lugar, ausente. 

Esta é a realidade das festas locais, noutrora do Corpus. Unhas festas sen personalidade propia que pasan desapercibidas para unha cidade que día a día vai a menos. E diante este panorama a pregunta está servida: que fai ou como actúa a Concellería de Cultura? Cal é o seu cometido? En resume: pra que vale? Pois claramente actúa como unha axencia de contratación de espectáculos sen outro obxectivo que vaia máis alá diso. Claro que, posiblemente non saiba ou non poida a día de hoxe facer outra cousa, dado que na cidade a infraestrutura cultural vive relegada e sumida nunha fonda crise incluso de existencia económica. E iso parece que a ninguén lle importa.

Pero seguindo co tema, se Ourense sempre presume de que tivo unha vida cultural importante non anos de Otero Pedrayo, Vicente Risco e moitos outros persoeiros, cal é a razón pola que non toma como referencia a sapiencia desta xente e inténtanse poñer en valor moitas cousas que nos darían personalidade e entidade como cidade? Pode ser que moitos gobernantes descoñezan o pasado ou parte del. Pode que non saiban que en Ourense houbo un Festival do Miño que era moi importante. Que tampouco valoren o xa desaparecido Festival de Cine ou outros eventos que tiñan que estar presentes na vida ourensá e o mellor nas nosas festas. 

Ben sei que a depauperación das festas non é soamente deste ano. Ven sendo un asunto posposto que ningún alcalde quere afrontar por consideralo menor. E claro, así nos vai. Nin obras nin cultura nin festas.

Cumpriría mirar pra outras zonas e cidades, incluso galegas, para ver como apoian e invisten no tecido cultural para que este participe nas festas e lle dea personalidade e entidade propia. En fin, ano tras ano as festas de Ourense perden peso e entidade. Pode que ise sexa o obxectivo, pois a día de hoxe son como o café con leite, nin cultura nin festas, nin café nin leite. Valga logo este comentario sen acritude, para que a quen lle corresponda reflexione e dende o poder tome medidas para os vindeiros anos.

Te puede interesar