Opinión

Nin fibra nin nada de nada

Na asemblea anual da asociación veciñal de Seixalbo anunciouse que, no casco antigo que está afectado polo PERI, non haberá fibra óptica ate que teñamos outra corporación. Ou sexa, despois das eleccións municipais do ano 2019. Co que o asunto pode ir alá para o ano 20 cun chisco de sorte. O problema seica é que o Concello non dispón de partida presupostaria, uns 18.000 euros, pra pór as caixas e as baixadas da cometida. Seguiremos cunha escasa mega os que vivimos neste núcleo singular de Ourense.

A nova non nos colle de sorpresa dado que en Seixalbo xa estamos afeitos a retórica permanente das desculpas das institucións e sobor de todo do Concello. Que lle imos facer! Houbo un tempo que poñer un fío negro de oito milímetros seguindo o cableado actual, todo ó descuberto, seica era un atentado urbanístico. O celo e o purismo na aplicación da norma trae estes problemas. E case dous anos despois, estamos a esperar polo mentado fío. Mentres, toca conectarse e alumar internet cun candil. Ou sexa: no ano 2018, vivindo nas portas da capital das Burgas, estamos case a escuras para acceder a rede. 

Debo afirmar que a estas alturas do mandato de Jesús Vázquez nada me chama xa a atención. Se en algo debo calificar este período será como o mandato das boas palabras e a retórica, pero nada máis. O mandato das desculpas educadas pero vergoñentas. Non temos maioría, non temos presupostos, pero tampouco os presentamos, non podemos facer nada e así sempre. Claro que a culpa ninguén a quere e sempre se lle bota ós demais. Si, por iso sempre é da oposición e de calquer cidadán que por alí pase. Todo unha cantinela, ou mellor, un retrouso que se repite a modo de cantiga chorona.

Pero como o asunto vai pra lonxe, eu son dos que considero que os catro anos últimos do goberno municipal foron sumamente negativos para a cidade. Pra que moer máis o caletre e pedirlle ó mandatario un derradeiro esforzo. Mellor calar e ver se algún día escampa. Mais, segundo parece, todo pinta escuro ou semellante para as vindeiras municipais, dado que os primeiros espadas serán o mesmos que non foron capaces de chegar a acordos nin nos asuntos máis urxentes, como o do PXOM. 

Hai unha cousa que chama moito a atención, se todo funciona tan ben como nos din dende o Consistorio e existe un goberno municipal tan eficiente, como é que a cidade e o rural se atopen sumidos no desleixo? Non cabe dúbida de que os ourensáns somos sumamente tranquilos e confiados e temos máis paciencia co santo Job. Esperemos a ver que nos depara o futuro. E os veciños de Seixalbo teremos que seguir coa media mega para conectarnos á rede. Claro que xa hai algúns que andan a reclamar a república independente da vila de Seixalbo, pois empezan a mosquearse do mal goberno da cidade e de tanta espera pra conectarse co mundo virtual.

Te puede interesar