Opinión

Non esquezamos a nosa historia

A pouco que pensemos, queda claro que o mundo no que vivimos formouse en base a dous fenómenos sociais: as migracións e o comercio. Os demais aconteceres sempre xiraron sobre estes dous asuntos. Isto que afirmo lévamos a entender que a relación entre xentes de diversas culturas e lugares a traverso do intercambio foron conformando, xunto con outros avatares moi importantes, o mundo actual.

Mais, a memoria colectiva sempre fráxil, non sei se por comenencia ou razóns escuras, actúa fuxindo dese pasado as veces escuro, e non quere alardear del, sobor de todo cando este foi tristeiro e incluso penoso.

Nin que dicir que, non hai moitos séculos, os Estados Unidos de América naceron de xente europea que fuxiu da fame e da miseria que había naquela Europa en crise, e entraron como emigrantes indocumentados en terras americanas. E fíxérono matando e arrasando ás tribus indíxenas para conformar un país que agora, esquecendo o seu pasado non tan lonxano, pon muros e persigue ós que cruzan a súa fronteira dunha maneira un tanto arrepiante.

Dando saltos na historia, e achegándonos as terras que conforman a península ibérica, nin que dicir que, en diferentes etapas, a emigración tamén está no noso haber. En moitas familias hai moito que contar deses anos en América ou en Alemaña ou noutros países europeos. 

Pois ben, a día de hoxe, as migracións de persoas tanto por razóns económicas como por razóns políticas e humanitarias é un asunto sumamente complexo e moi delicado. E por aquelo de ter un referente, Europa é un punto de destino e un obxectivo para moitas xentes de diversas zonas do mundo. Europa, e dentro dela os países que están máis preto do continente africano, teñen un presión migratoria que non se vai arranxar con poñer concertinas nin barreiras, pois o mar é moi amplo. Mentres non haxa políticas sociais e de desenvolvemento mirando a eses países de onde son orixinarias as persoas que, en moi precarias condiciónn, fuxen, nada se vai arranxar.

Europa, ou mellor a Unión Europea, a pesares das diversas crises habidas é un espazo de atracción de xentes que buscan, ou a protección por mor de conflitos bélicos, ou melloras sociais e económicas. Igual que anos atrás fixeron os nosos avós e pais. Posiblemente esta Europa envellecida non poda ser a zona que resolva todos os problemas dos países do mundo, sobre todos africanos. Pero Europa precisa dunha vez por todas dunha política migratoria conxunta e única. Política que fora de fariseísmos actúe en coherencia cos seus principios e cumpra, polo menos, coas leis internacionais.

Que varios barcos que pouco menos que andan ó pairo no mar, veñan atracar a España é un xesto que nos honra como Estado. Pero iso nunca será a solución dun problema global que se acentúa na zona do Mediterráneo. Máis que criticar ó Goberno por dar o paso de permitir traer a eses barcos a Valencia, sabedores de que esa non é a solución definitiva do problema, o Executivo debe presionar para abrir un debate nas institucións europeas e plantexar solucións conxuntas ó fenómeno migratorio.

Ser solidarios é un deber como cidadáns. Pero para iso é necesario non esquecer a nosa historia, pois na nosa terra hai moito que falar da emigración. Por iso, rexeito a esa xente que aproveita as redes sociais para, baixo un populismo fascistoide, lanzar mensaxes que soamente crean envexa, carraxe e dor. Coidado con esas afirmacións que buscan crear chivos expiatorios nos emigrantes para xustificar ideoloxías e accións que nos poden levar a volta dun pasado moi negro como o que vivimos na longa noite de pedra. E sobre todo, non esquezamos a nosa historia recente.

Te puede interesar