Opinión

Ourense dorme no silencio

Achéganse as municipais e con elas o tempo das promesas e propostas e tamén de visualizar o acontecido nestes catro anos que rematan. Xa se coñecen moitos dos candidatos que competiran en maio e, salvando demisións de última hora, as formacións con máis posibilidades de acadar representación na casa de todos preparan a campaña. Mais como estamos ás portas desa disputa electoral, escoitamos as verbas do actual rexidor falando dunha morea de millóns investidos na cidade que non se visualizan por ningures. O desleixo e a precariedade na que se atopa o Concello é notoria e choca co que pregoa o sr. Vázquez.

E na liña de culpar ós demais, o noso rexidor carga todos os males a ruín oposición da que di que non o deixou gobernar. Mais a sensación que vivimos na rúa, e que se percibe na cidadanía, é que se pecha un tempo, catro anos perdidos dunha maneira sumamente escandalosa. O diálogo nos asuntos fundamentais do concello estivo ausente, e no salón de plenos primaron os berros, os improperios e asuntos de pouca monta, sacando a luz uns plenos de patio de vecindade ou discusión tabernaria. Triste paso pola alcaldía dun señor que non foi capaz de aprobar un presupostos en catro anos e agora pretende quitar peito contando trolas que non se sustentan con algo tanxibel.

A día de hoxe temos na cidade os parques e xardíns no desleixo máis notorio. Non hai unha obra de certo rango que hoxe se poida presentar e, por riba, o mantemento e a precariedade nalgúns servizos son notorios. Lembro que cando D. Jesús chegou á alcaldía estaba o PXOM aprobado inicialmente. Pero non lle valía a este goberno e agora, por esa zoquetería, seguimos rexíndonos polo de 1986. Un plan racional que substituía ó que a Xustiza tirara abaixo polo cambio dos planos dos membros do seu propio partido.

Mais sendo isto así, a pregunta está servida: onde están as forzas vivas da cidade pra reivindicar e denunciar o desleixo municipal? Onde as asociacións veciñais tan críticas noutro momento con outros gobernos? O silencio diante cuestións importantes como a Estación do AVE e o soterramento da avenida Otero Pedrayo e outros indican que ademais de ter un mal alcalde o fronte da cidade, temos a un señor que carece de peso político diante os conselleiros da Xunta e do seu propio partido. En fin, catro anos pra esquecer. Catro anos pra borrar da historia local desta vella Auria. 

Esperemos que no futuro haxa un rexidor que sexa capaz de aunar forzas para reivindicar fronte a Xunta e o poder central melloras e proxectos que se precisan na urbe. Que sirva pra aunar esforzos e facer consenso e aprobar o PXOM. E sobor de todo, pra ter un programa para unha cidade que esmorece día a día e non soamente no poboacional, se non no cultural e demais facetas sociais. Ourense, a día de hoxe, dorme no silencio coa aquiescencia das forzas vivas e o conformismo dunha cidadanía que non reacciona diante un futuro triste. De pena.

Te puede interesar