Opinión

O parque empresarial da Rabeda

Ourense cidade e tamén a provincia, a pesares do que digan os cantos de serea dende as institucións que nos gobernan e tamén os seus voceiros, hai anos que  esmorece  no solpor, como di a cantiga de Manuel de Dios. Vai mermando e encollendo e, de seguir así, seremos os primeiros pola cola en tódolos  indices estadísticos que recollen os estudos e que marcan o nivel de vida no Estado. Polo que, a provincia,  camiña cara un futuro incerto,   a pesares do que  publiciten moitos medios.

Na actualidade todas as forzas vivas da Auria concentran todo o porvir na chegada do AVE. E o debate  cínguese en que si ven nunha data ou noutra; se entra pola variante  ou pola vía vella,  e se a estación é dun xeito ou do outro.  Pero no que todos  están dacordo en que  traerá moitos viaxeiros e turistas e con eles mellorará a cidade. Dende logo non serei eu que negue que a chegada dese medio de transporte mellorará as comunicacións coa metrópole madrileña e algo axudará na nosa precaria situación. Mais, centrar todo o futuro en tal asunto, penso que é estar un tanto ceguiños ou miopes. Mellor: non coñecer a provincia ou andar nas pavías.  Pois  esquecer  que o que precisamos en Ourense é ter máis industrias ligadas ó sectores primario e secundario, lévanos a entender que vivimos sen querer afrontar unha realidade que nos supera. E como  iso, de momento, non está na lista das forzas vivas nin na  dos partidos políticos, pois toca  esperar que muden os tempos. 

Pero, fagamos un chisco de historia. Vendo a situación  na que se atopaba a  provincia, o  goberno do bipartito, e dentro del Anxo Quintana,  lanzou no seu día o proxecto de creación dun gran Parque empresarial no val da Rabeda. Mercou moitos miles de metros e púxose mans a obra. Foi unha decisión política. Máis como o bipartito soamente  durou catro anos, e deso xa hai máis de outo,  tal proxecto, cos terreos xa en propiedade da Xunta, caeu no esquecemento dende a chegada de Feijoo á Xunta e  so siguen en pé os letreiros que o anuncian.

Que pretendía o denominado proxecto do Val da Rabedea? Pois tiña como obxectivo  ofertar terreos a custe case cero para que as empresas, sobor de todo as que estaban en Vigo e a zona de Porriño, dado que a comunicación por autovía é moi boa e está a menos dunha hora, poideran   instalarse en Ourense. Nunha palabra: conectar Ourense  coa Galicia atlántica pois, a dia de hoxe, é a que ten mellor futuro, dado que a interior esmorece cara a desertización humana por falla de perspectivas. E soamente ten algo de espranza no turismo de interior, Cuestión que, sendo realista, non vai frear a desertización e o decaemento do mundo rural.

O certo é que tal proxecto quedou no esquecemento e soamente uns letreiros  lembran  o único intento  en pór sobre a mesa unha alternativa o decaemento no que estamos inmersos.

Pero  Ourense sigue esmorecendo, morrendo  paseniñamente e naide ten azos para afrontar o futuro desta Galicia do interior. E así  aparecen nos medios noticias  referidas á deslocalización de moitas empresas  galegas cara o veciño  Portugal. E o goberno provincial, os deputados no congreso e, sobor de todo, a Xunta, non lle dan unha saída nin alternativa a tal iniciativa.

Non sei si o asunto está parado porque non foi unha iniciativa dos populares. Ate pode ser.  Ou si todos se esqueceron de que Ourense tamén existe. O certo é que os anos pasan, mentres  iste interior galico  esmorece. Ou se o prefiren, por aquelo de non chorar: morre de éxito.

En fin, de pena.

Te puede interesar