Opinión

Con pechar o galiñeiro chega

Na nosa sociedade acontecen feitos que día a día non deixan de sorprendernos. Feitos que amosan ás claras que os humanos somos uns seres depredadores e que maiormente actuamos por instintos primarios que nos dan certo pracer e amosan que temos poder.

Hai uns anos lembro que celebrouse, pola comarca do Carballiño, un concurso que tiña como obxectivo cazar raposos. Recordo que daquela houbo protestas, pero pasaron os anos e non se soupo nada máis desa absurda competición. Mais, como a mente humana non para, de novo outra competición semellante nas terras de Forcarei volve facernos reflexionar sobre este macabro asunto. 

O raposo, animal fermoso e listo onde os haxa, sempre gozou de certa simpatía entre as xentes. Actúa dominando un territorio e vivindo da caza doutras especies e tamén de dar o golpe ó menor descuido nos galiñeiros que tanto proliferan na nosa terra. É un animal astuto e moi listo que hoxe está a sofrir, ao meu ver, dúas calamidades para a súa existencia como especie. A primeira ven dada pola grande superficie queimada polos milleiros de incendios e a perda de espazo para cazar. As queimas eliminaron e estragaron especies das que se alimentaba este animal. A segunda é a política da Xunta de Galicia, incentivando campionatos de caza con fins seica educativos. E isto que afirmo dedúcese de que se permitan máis campionatos e se destinen 13.000 euros para fomentar estes mal chamados concursos. Ou que se den 25.000 euros da Concellería de Medioambiente para potenciar a vida do rural á Federación Galega de Caza, forma indirecta de potenciar estas polémicas e salvaxes citas.

A caza tivo e ten a súa xustificación cando a precisas para comer, ou en casos concretos para facer batidas de poboacións que medran de maneira desmesurada. En Galicia isto acontece co xabarín. Pero fomentar campionatos baixo o nome de deportivos para cazar un animal que non destroza, e sobor de todo, do que non hai datos contrastados sobre o número que existe nos nosos montes, parece unha frivolidade. Igualmente acontece cando se fala de fomentar a vida no rural. A pregunta está servida: pero alguén cunha pouca de cabeciña pensa que con potenciar concursos de caza se vai incentivar a vida no rural? 

A verdade é que non entendo nada do que acontece nesta nosa terra. Pensar que matar por pracer é un deporte, ou que estas competicións teñen un obxectivo educativo, lévame a conclusión de que non recoñezo a estas xentes que cazan e que nos gobernan. Non sei se viñeron doutro planeta, pois resúltame difícil crer que saíron desta terra.

O golpe, raposo ou zorro non merece ser obxecto destas cacerías. Se a alguén lle entra no galiñeiro, con pechalo ben, asunto arranxado. O demais son lerías para xustificar a diversión de matar a un animal indefenso. Ou sexa: matar polo pracer de matar.

Te puede interesar