Opinión

Pedir perdón

  

Cando eramos rapaces, alá polos anos sesenta do século pasado acontecía que nas andainas e pequenas falcatruadas que, de cando en vez, facíamos, o meu amigo Hixinio comentaba que si argallabamos algunha trastada e logo o confesábamos, todo quedaba perdoado. E en certa medida tiña moita razón. Esa era a maneira de ver o asunto que tiñamos como rapaces e que, segundo parece, aínda impera hoxe nas grandes falcatruadas ou roubos que soportamos o conxunto dos cidadáns que conformamos o Estado onde vivimos.

Pois ben, dende que foron aflorando un fato de casos de corruptelas, roubos e miserias que moitos dos poderosos, políticos e xente de toda ralea fixeron, parece que, de maneira tardía, algún empeza a pedir perdón aínda que dun xeito moi suave. Pedir perdón, ou disculparse para parecer unha persoa con certo nivel. Claro, sen asumir que na maioría dos casos todos estes persoeiros actuaron de maneira consciente pra beneficio dalgúns poucos e tamén do propio.

Non está mal pedir perdón ou disculparse, aínda que sexa de maneira un tanto farisaica. Pero, maiormente, nos casos coñecidos nos que hai cartos polo medio, ou beneficios económicos ilegais, ademais de non devolver os cartos birlados, o tema ten moito máis percorrido. É posible que alguén non pense no grande dano feito á credibilidade das institucións e ás persoas. Pero si que este é un tema a ter moi en conta. Supoño que iso dos efectos colaterais como nas guerras ninguén os paga, e neste asunto aínda que non haxa belicosidade nin armas de por medio, pasa algo semellante. Eses efectos pagámolos todos a escote, claro, uns máis ca outros.

Pero non debera ser así, pois son moi poucos os que se disculpan e menos os que devolven ou pagan polo que fixeron mal sabedores do que facían. A culpa sempre quedou solteira, dise popularmente. Ou mellor, a culpa ninguén a quere. E recoñecela, aínda que sexa tardíamente implica un “mea culpa” público de quen obrou mal contra o conxunto da cidadanía.

O rei emérito, xa hai un tempo dixo: “Síntoo, equivoqueime”. A boas horas falou o Borbón. E agora o sr. Rato pide disculpas a súa maneira. Non está mal, é unha forma de confesarse a viva voz. Pero quen asume agora e paga o custo do desprestixio das institucións?, quen carga cos custes desa forma de gobernar o público? Pois todos os que nada fixeron.

E volvo ao principio do comentario. O meu amigo Hixinio xa de rapaz tiña moita razón, pois sabía que se facíamos algunha trastada, o confesarnos todo quedaba perdoado. Cousas da relixión nosa. O malo do asunto é que despois de tantos roubos, corruptelas e desprestixio das institucións públicas, case ninguén se disculpou, pediu perdón e devolveu o sisado.

Te puede interesar