Opinión

A pesca que morde o rabo

Dende hai un tempo, e acentuado pola crise económica, parece que todo o entramado administrativo do Estado está en revisión permanente, polo que as novas de reformas que se pretenden implantar veñen a certificar que o rural, en especial o galego, será o sufridor da gran maioría de recortes nos servizos públicos. Dende sempre, o noso rural foi o grande olvidado de todos os gobernos tanto de Madrid como da nosa terra. E foino en base a xustificacións da perda de poboación. E agora, de novo volve ser o suxeto castigado polo recorte permanente de prestacións que facían a vida nas vilas e aldeas un pouco máis levadeira para os seus habitantes.

Durante as décadas da posguerra, tivo que ser a emigración cara centroeuropa a que, cos cartos mandados, lle deu un pouco de vida as vilas e aldeas do país. Aínda así, a gran parte da poboación veuse vivir para as cidades en busca de traballo na incipiente industria e sobre todo no sector servizos, polo que o sector primario foi, por falla de reformas e o apoio das administracións públicas, un sector á baixa. Os organismos públicos, como as deputacións, foron incapaces de frear a sangría das aldeas ás cidades. A política desenvolvida por estes órganos caciquis non pasou de ser unha política de pavimentados en corredoiras e a colocación de marquesinas para que os rapaces colleran o bus escolar. Polo que faltou un plan integral que abranguera á comunidade galega na súa totalidade e unha política efectiva de asentamento da poboación entre os entes provinciais e a Xunta.

Logo da posta en marcha da Autonomía, os gobernos, agás o bipartito que somente durou catro anos, e que empezaba a facer unha política rural encamiñada á valoración do medio e o asentamento da poboación, todos os demais usaron as súas xentes como mercancía electoral para recadar votos a cambio de deixalo esmorecer lentamente. E chegamos a situación actual na que, como consecuencia da perda de poboación, cuestión que se incentivou deixando fuxir a xente, péchanse os servizos: cuarteis da Garda Civil, sucursais bancarias, servizos de atención ó cidadán nos concellos, e agora anúnciase a reducción drástica dos xulgados. E todo parece un sin sentido. Primeiro, dende a Unión Europea subvencionouse pechar explotacións e animouse á xente a que se xubile; e agora, como hai pouca pobación, xustificamos a eliminación de servizos. Parece iste o problema da pescada que se morde o rabo.

E diante este panorama, que fai a Xunta, que é o goberno desta terra? Nada, se acaso laiarse, ou limitarse a afirmar que non se eliminen os xulgados das sete cidades máis importantes do país. Mágoa que teñamos en Santiago un goberno que actúa como un fidel mandado do que se decide en Xénova e que carece de personalidade e criterio. Mágoa que ninguén se decate de que camiñamos cara a desaparición dunha forma de vida e con elo dun país que podía ser autosuficiente explotando con visión empresarial e racionalmente as grandes riquezas naturais que ten. Mágoa que isto aconteza, pero é o que hai. Vivimos no noroeste peninsular e na provincia do ir tirando, que é tanto como ir morrendo día a día. Logo diran dende a capital do reino que somos un país subsidado e a nosa existencia depende da súa boa vontade. De pena.

Te puede interesar