Opinión

Poderes agochados

Nalgún momento sairán a luz, pois son como as meigas, dado que existen aínda que non se ven pero mandan e teñen gobernantes electos presos do favor que os obriga a actuar sempre na defensa dos seus propios intereses.”

Nos finais do franquismo sempre se dicía que os poderes fácticos eran os que impedían a evolución do réxime. E dentro daquela denominación estaban o Exército, a Igrexa, o poder económico e tamén algunha prensa e incluso o engolado e endogámico poder xudicial. Entendíase que eses núcleos e algúns máis eran os poderes que baixo corda influían para frear a evolución dun Estado que vivía moi distanciado do que pensaba e pedía a xente na rúa.

Pasados moitos anos, aínda que situación política mudou, eses poderes seguen a ter un peso semellante ó que tiñan naqueles anos da transición á democracia. Por iso, con todo o que choveu, percíbese que na nosa sociedade nin existe a separación dos poderes plena, nin o poder político se libera das influencias de moitos grupos de presión, nin a xustiza é totalmente independente, nin a prensa é totalmente libre, nin farrapos de gaita. Todo depende do momento e das circunstancias. Todo depende da presión e do volume do tema, incluído o montante económico. Os poderes ocultos, os que aconsellan, os que inflúen e entran pola porta traseira dos despachos, aínda están na trastenda do poder e mandan moito. Ate poden desfacer gobernos, erguer calumnias, contar medias verdades, e investigar; ate poden acusar con escasa base legal. En fin, preto de nós temos exemplos arreo.

Hai uns días, o que fora vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, dixo que, cando estaba no goberno, un procer coruñés o advertiu de que ou modificaba o concurso eólico para favorecelo, ou que se ativera ás consecuencias, pois un enfermeiro de Allariz non podía modificar o rumbo da economía galega e abrila a moitas empresas para crear un tecido empresarial galego. Enténdase, repartir negocio entre todos. Quin respostoulle que se quería gobernar pois que se presentara ás eleccións. Pero, logo do aviso, empezou o martilleo con esaxeracións, mentiras e medias verdades, un día si e outro tamén, contra o goberno no que estaba e contra el. Chegaron as eleccións á Xunta e estas perdéronse por un escano. Logo, o novo presidente, que é o actual, chimpou o mencionado concurso, argüíndo que era ilegal e asunto concluído. Despois chegou outro concurso e un novo reparto. Pasados case oito anos, a Xustiza demostrou que o primeiro concurso era perfectamente legal e agora a Xunta enfróntase a reclamacións xudiciais por danos e prexuízos. Todo un grande éxito dos gobernantes desta nosa terra, claro presididos por quen medita retirarse, pois parece que en Madrid non lle dan cancha.

Conclusión: líbrenos o demo ou quen sexa de fadas deste tipo; de poderosos con dereito a pernada. Líbrenos tamén o diaño de cair nas mans destes poderes ocultos. De mentalos ou nomealos; líbrenos quen sexa de caer nas mans dalgúns xuíces, pois estarás eternamente imputado e serás xulgado pola xente como culpable. E cando fale a Xustiza xa será moi tarde, pois esta é sumamente lenta, polo que deixará de ser xustiza. Se te inclúen como imputado, agora investigado, nunha lista por pasares por alí, pode que collas a xubilación e te vaias para o outro mundo sen ter acusación definitiva e menos xuízo. Líbrenos quen sexa dos que mangonean e mangonearon sempre o poder pois teñen tantas maneiras de machacarte que toda a democracia que temos vale de pouco.

Por iso falo hoxe dos poderes agochados. Si, deses que non se ven pero que están ramificados e inflúen moito nos que mandan. O bipartito, o denostado goberno, xa é historia. Pero as consecuencias negativas dos que chimparon o concurso eólico ímolas pagar todos. Mellor dito, estamos pagándoas todos.

Te puede interesar